- A temática desta edición, que xa alcanza a número 12, céntrase nos residuos invisibles, é dicir, aqueles que están fóra da vista da maioría de nós porque se xeran durante a fabricación dos produtos.
Cerceda, a 24 de novembro de 2020.- O pasado 21 de novembro arrincou unha nova edición, concretamente a número 12, da Semana Europea para a Prevención de Residuos (EWWR), unha cita anual na que numerosos colectivos e particulares levan a cabo diferentes accións para divulgar as bondades da prevención na xeración de refugallos, así como a aplicación do principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe).
Ao longo dos próximos días, e ata o 29 de novembro, levaranse a cabo máis de 10.600 accións, contando coa colaboración de 33 países. O obxectivo das mesmas é sensibilizar aos cidadáns e invitalos a mudar hábitos e comportamentos en torno aos patróns de consumo co fin último de lograr unha xestión máis sostible do lixo, habida conta de que constitúe unha das principais ferramentas para loitar contra o cambio climático e o quecemento global.
A EWWR aglutina a participación de escolas, administracións públicas, empresas, ONG e particulares, pretendendo con isto que se adopten medidas a diferentes niveis: local, rexional, nacional e internacional.
Cada ano, a Semana Europea da Prevención céntrase nunha temática específica. Nesta ocasión, abórdanse os residuos invisibles, é dicir, aqueles que están fóra da vista da maioría de nós porque se xeran durante a fabricación dos produtos. Deste xeito ponse de relevo a necesidade de previr a produción de refugallos ao longo do ciclo de vida dun artigo, desafiando aos participantes a facer visibles os residuos invisibles e a coñecer o «peso real» que levan a casa logo dunha compra.
Así mesmo, e no marco do COVID-19, cabe recordar que o sector dos residuos non quedou exento dos efectos desta pandemia, tendo evidenciado que a saúde das persoas e a saúde do noso planeta están estreitamente interrelacionadas.
A economía circular ocupa un lugar destacado na axenda política da Unión Europea e terá un peso relevante na recuperación post-covid.
Fonte e imaxe: EWWR
Saúdos, Departamento de Comunicación