- A Sociedade Española de Nutrición Comunitaria apela ao apoio cidadán para axudar a que non desaparezan moitos pequenos comercios, mercados de proximidade, negocios familiares ou iniciativas vinculadas ao sector primario do noso pobo, cidade ou comunidade autónoma.
- Con tal fin, elaborou un documento con suxestións para realizar unha compra saudable e comprometida.
Cerceda, a 20 de maio de 2020.- A pandemia do Covid-19 está castigando a moitos sectores económicos, sendo os comercios de barrio e os mercados de abastos algúns dos máis afectados.
Neste marco, a Sociedade Española de Nutrición Comunitaria (SENC) elaborou un documento con suxestións para unha compra saudable e comprometida. O obxectivo é sensibilizar e orientar aos cidadáns para que prioricen a adquisición de produtos e servizos en mercados municipais e en tendas de barrio ou establecementos que inclúan na súa oferta artigos locais ou de proximidade.
Para a SENC, o apoio cidadán resulta clave para axudar a que non desaparezan moitos pequenos comercios, mercados de proximidade, negocios familiares ou iniciativas vinculadas ao sector primario do noso pobo, cidade ou comunidade autónoma. De aí que esta organización poña o foco de atención na importancia da “solidariedade colaborativa”.
Neste marco, proporciona unha serie de suxestións para unha compra saudable e comprometida:
1. Deseñar e consensuar un menú diario ou semanal que satisfaga as preferencias alimentarias e, en boa medida, configurado dentro das recomendacións para unha alimentación saudable e sostible.
2.- Elaborar a lista da compra e planificar os puntos de adquisición.
3.- Priorizar os alimentos frescos sobre os produtos procesados.
4.- Dar preferencia aos produtos de proximidade e de tempada.
5.- Realizar como primeira opción as compras dos alimentos nos mercados próximos ás nosas vivendas, nas tendas de barrio ou naqueles establecementos que teñan unha sección de artigos locais.
6.- Informarse da posibilidade de comprar algúns produtos directamente do produtor, agricultor ou gandeiro.
7.- Os mercados semanais ou singulares de produtos artesanos e de proximidade son un aliciente cultural, gastronómico e de apoio ao sector rural.
8.- Valorar a posibilidade de obter algúns alimentos do noso interese na horta, terraza ou balcón. Pode ser tamén un elemento educativo para os máis pequenos.
9.- Sempre que sexa posible, elixir produtos de calidade e, en calquera caso, evitar aqueles de escaso valor nutricional.
10.- Ser solidario con quen máis o necesita. Axudar na propia familia, contorna ou barrio a aquelas persoas que necesitan axuda alimentaria ou persoal.
11.- As persoas maiores ou con necesidades especiais deben ser a nosa prioridade a partir de accións de asesoramento, acompañamiento ou axuda alimentaria, incluída a cesta da compra.
Fonte e imaxe: SENC