- Así o manifestou José Ramón Martínez Barbeito, primeiro tenente alcalde e concelleiro de Medio Ambiente de Laracha nunha entrevista incluida na Newsletter corporativa de Sogama correspondente ao pasado mes de decembro.
- Co fin de que a recollida selectiva da fracción orgánica resulte exitosa, o goberno local está levando a cabo unha ambiciosa campaña de información, formación e concienciación bautizada co lema “Ti tes a chave”, que contempla a dotación de medios materiais e didácticos.
- A súa previsión é entregar a materia orgánica procedente do quinto contedor na planta de compostaxe industrial de Sogama en próximas datas.
Cerceda, a 9 de xaneiro de 2020.- O Concello de Laracha, xunto co de Carballo e Arteixo, será un dos pioneiros en implantar o quinto contedor, de cor marrón, para a recollida selectiva da materia orgánica contida nos residuos, sendo a súa previsión comezar coas primeiras entregas na planta de compostaxe industrial de Sogama en próximas datas.
Nunha entrevista incluida na Newsletter desta empresa pública correspondente ao pasado mes de decembro, o primeiro tenente alcalde e concelleiro delegado de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, móstrase convencido de que os veciños estarán á altura e de que a iniciativa será un éxito.
Asegura que os laracheses están moi concienciados na protección do medio ambiente e conceden gran importancia á reciclaxe. A limitación coa que se atopa o goberno local, ao igual que outros municipios galegos, é a elevada dispersión da poboación. Sirva como exemplo que Laracha conta con 300 núcleos habitados nunha superficie de 125 quilómetros cadrados.
Se ben a localización dos contedores amarelos cínguese a uns ratios, o Concello fixo un gran esforzo ao habilitar maior número de recipientes destas características, pero recoñecen que chegar a todos os núcleos resulta complexo.
Aínda que a segregación dos refugallos orgánicos para a elaboración de compost forma parte da tradición rural galego, a concellería da área quixo ir máis aló no seu momento e implantou, coa axuda de Sogama, un programa de compostaxe doméstica ao que se adheriron 75 familias e que está calando entre a poboación. Desta forma, evítase que restos vexetais e de alimentos acaben no contedor verde convencional, minimizando custos.
FORMACIÓN E DOTACIÓN DE MEDIOS
Así mesmo, o Concello está levando a cabo unha ambiciosa campaña de información, formación e concienciación vinculada ao quinto contedor e que bautizou co lema “Ti tes a chave”.
A finais de 2019 xa foron colocando os recipientes nos núcleos onde residen as familias participantes. Tamén se realizaron visitas a grandes produtores para coñecer as súas necesidades e pedir a súa colaboración e, no caso das vivendas adscritas a esta iniciativa, entregouse o denominado kit de voluntariado marrón, que consiste nun cubo ventilado de dez litros, bolsas compostables, a chave para os contedores e un folleto informativo no que se detalla o que debe e o que non debe depositarse nos mesmos.
Pero o esforzo do ente local en canto á xestión sostible dos residuos non se queda aquí. Un dos seus proxectos estrela é ampliar o punto limpo e mellorar as súas instalacións, ademais de reforzar a recollida de voluminosos a domicilio.
PROTECCIÓN DE ESPAZOS NATURAIS E AFORRO ENERXÉTICO
Noutra orde de cousas, Martínez Barbeito revelou que substituirán as luminarias públicas e as propias dos edificios municipais, por outras de maior eficiencia enerxética. Esta actuación suporá un investimento de 1,2 millóns de euros e contará co apoio do IDAE.
Tamén levarán a cabo diversas accións para a posta en valor de espazos de riqueza medioambiental como é o caso da área verde do parque e a renovación do paseo fluvial do río Anllóns, da que se encargará o obradoiro de emprego.
Saúdos, Departamento de Comunicación