- A elevada dispersión territorial esixe un ambicioso sistema loxístico co que chegar a todos os recunchos da comunidade.
- 5.460 establecementos xeraron aceites usados en 2018, sendo o 53% talleres de reparación de vehículos.
- En total, realizáronse 12.175 recollidas, a máis frecuente apenas 870 quilos, dato que corrobora o esforzo desta entidade en atender ao conxunto da xeografía galega.
- A xuízo de Eduardo de Lecea, director xeral de SIGAUS, “A xestión dos aceites industriais usados en Galicia é un bo exemplo de proxectos de Economía Circular que están a funcionar xa de forma eficaz e sostible”.
Cerceda, a 29 de agosto de 2019.- O sistema encargado en España da xestión do aceite industrial usado, SIGAUS, logrou recuperar en Galicia o pasado ano preto de 11 millóns de litros, efectuando a recollida en case 5.500 puntos distintos. O resultado non podía ser mellor: 2 millóns de litros de novos lubricantes retornados ao mercado e máis de 8.000 toneladas de CO2 aforradas.
Na nosa comunidade recolléronse 9.656 toneladas brutas (incluíndo a auga e sedimentos cos que o aceite usado adoita presentarse), o que equivale a 39 toneladas cada día laborable do ano.
É preciso recordar que o residuo que xeran os lubricantes utilizados nos motores dos vehículos e na industria está catalogado como perigoso, polo que o seu impacto sobre o medio ambiente, de non ser tratado correctamente, podería ser importante.
Así mesmo, a súa recollida esixe un ambicioso sistema loxístico que permita chegar a todos os recunchos, xa que a amplísima diversidade de usos do aceite industrial provoca que a xeración do seu residuo tamén sexa extremadamente fragmentada e dispersa, circunstancia á que habería engadir as particulares características pobocionais do territorio galego
En Galicia, 5.460 establecementos xeraron aceites usados en 2018. Por tipoloxías, o 53% foron talleres de reparación de vehículos. Xunto a eles, recolleuse residuo en máis de 800 industrias e varios miles máis de instalacións de diverso tipo (desde construción a agricultura, hostalería ou outros servizos). En total, realizáronse 12.175 recollidas (49 recollidas cada día laborable do ano), sendo a máis frecuente de apenas 870 quilos.
Recolleuse aceite usado en 291 municipios galegos (que abarcan case o 99% da poboación), incluíndo 209 localidades rurais nas que o sistema articulado por SIGAUS contribúe á protección da contorna por ser zonas de maior despoboación, prestando adicionalmente un servizo de valor para o tecido económico local.
DE RESIDUO A RECURSO
Unha vez recollido, o aceite usado trasládase a instalacións especializadas para a súa análise e tratamento. En concreto, Galicia conta con 12 infraestruturas destas características que participan contractualmente con SIGAUS.
Tras separar o aceite neto de auga e sedimentos, o residuo cobra unha nova vida como lubricante ou como combustible industrial, facendo posible que sexa aproveitado na súa totalidade.
A cantidade de aceite usado neto finalmente xestionado e valorizado por parte de SIGAUS na nosa comunidade foi de 10,8 millóns de litros. Un 28% do mesmo destinouse a rexeneración, o tratamento prioritario que permite extraer aceites base, que son o compoñente fundamental na fabricación de novos lubricantes. O segundo posible tratamento para o aceite usado é a súa descontaminación para fabricar combustible de uso industrial, evitando con isto a utilización doutros tradicionais como o fuel óleo. Grazas a isto obtívose unha enerxía equivalente 76 GWh, similar á consumida en usos eléctricos por 21.680 fogares.
NO BO CAMIÑO
Eduardo de Lecea, director xeral de SIGAUS, sinala ao respecto que “A xestión dos aceites industriais usados en Galicia é un bo exemplo de proxectos de Economía Circular que están a funcionar xa de forma eficaz e sostible. Facémolo posible cun residuo complexo e de custosa xestión, grazas ao compromiso das empresas involucradas, ao impulso da Administración e á conciencia cidadá. Entre todos, debemos seguir avanzando cara a este novo modelo de crecemento, máis innovador e intelixente, no que os residuos que se recollen nas cidades e nos pobos de España convértense en recursos. O camiño xa non ten volta atrás”.
Fonte e imaxe: SIGAUS
Saúdos, Departamento de Comunicación