- Así o expresou no programa radiofónico Ecovoz Fermín Martínez de Hurtado, Director de Relacións Institucionais e Comunicación de SIGAUS.
- Expuxo dúas opcións de tratamento: a rexeneración, que permite volver a obter a materia prima coa que se fabrican os lubricantes, posibilitando que se volva a utilizar o aceite base; e o tratamento de descontaminación para a obtención dun combustible de uso industrial, moi parecido ao fuel óleo, e que pode ser utilizado en industrias de gran consumo de combustibles.
- Respecto do cambio de aceite do coche, desde SIGAUS recoméndase que non interveña o cidadán de forma directa, senón que este proceso se leve a cabo nun taller autorizado e, polo tanto, con absolutas garantías.
- Co aceite usado e rexenerado en Galicia durante o ano 2018 volvéronse a obter 1.799 toneladas de lubricantes que poderían dar servizo a 440.000 turismos e, co aceite valorizado enerxeticamente (75 millóns de KWhora), poderíase ter atendido o consumo eléctrico de 21.700 fogares
Cerceda, a 31 de xullo de 2019.- SIGAUS (Sistema Integrado de Xestión de Aceites Usados) é a ferramenta que permite aplicar o principio de Responsabilidade Ampliada do Produtor no caso dos aceites usados, propiciando que os produtores dos lubricantes garantan a correcta xestión dos mesmos unha vez convertidos en residuos.
Así o explicou Fermín Martínez de Hurtado, Director de Relacións Institucionais e Comunicación de SIGAUS, no programa radiofónico Ecovoz, recordando que o aceite do coche ou o usado en procesos industriais é un residuo cualificado como perigoso e que, polo tanto, debe ser sometido a un rigoroso tratamento. Con todo, tamén puxo de relevo que, malia o seu perigo, pódese aproveitar na súa totalidade a través de tratamentos físico-químicos que logran a súa descontaminación. Neste sentido, expuxo dúas opcións de tratamento: a rexeneración, considerado como o máis favorable, xa que permite volver a obter a materia prima coa que se fabrican os lubricantes, posibilitando que se volva a utilizar o aceite base; e o tratamento de descontaminación para a obtención dun combustible de uso industrial, moi parecido ao fuel óleo, e que pode ser utilizado en industrias de gran consumo de combustibles tales como cementeiras, papeleiras, centrais térmicas.
Respecto ao cambio de aceite do coche, desde SIGAUS recoméndase que non interveña o cidadán de forma directa, senón que este proceso se leve a cabo nun taller autorizado e, polo tanto, con absolutas garantías, toda vez que o taller vaino xestionar conforme á lexislación, que en todo caso esixe non mesturalo con outros residuos e que se entregue a xestor autorizado de aceites usados nun prazo máximo de seis meses, quen, á súa vez, levarao a unha planta de tratamento. Todo este proceso, tal e como asegurou Martínez de Hurtado, está regulado pola Lei de Residuos e existe unha trazabilidade acreditada a través de diversos documentos que poden fiscalizarse por parte das autoridades competentes.
PROCESO EN CIFRAS
No transcurso da súa intervención, o portavoz de SIGAUS deu algunhas cifras de interese para Galicia. Por exemplo, que co aceite usado e rexenerado na nosa comunidade durante o ano 2018 volvéronse a obter 1.799 toneladas de lubricantes que poderían dar servizo a 440.000 turismos. Pola súa banda, co aceite valorizado enerxeticamente (75 millóns de KWhora) poderíase atender o consumo eléctrico de 21.700 fogares.
Datos que, en todo caso, evidencian as novas vidas que poden ter os aceites usados e os beneficios ambientais asociados, cun aforro de recursos naturais non renovables como é o petróleo.
Xa a nivel de España, Fermín Martínez sinalou que o consumo de lubricantes no noso país ascende ao redor de 300.000 toneladas anuais, atendendo, a través de SIGAUS, 69.000 puntos produtores de aceites usados en 4.800 municipios e nos que reside o 99% da poboación. Isto tradúcese en 176.000 recollidas perfectamente trazadas.
Así as cousas, a liña de traballo de SIGAUS continuará na senda da economía circular, apostando de cheo pola conversión de residuos en recursos e, en todo caso, fomentando a prevención na fabricación de lubricantes a fin de reducir o seu grao de contaminación.
Saúdos, Departamento de Comunicación