- Así se recolle na Memoria de actividade desta organización correspondente ao ano 2020.
- Do total de pneumáticos xestionados, preto do 12% destinouse a preparación para reutilización (pneumático de segundo uso ou recauchutado); o 35,2% someteuse a valorización enerxética; e o 52,8% restante reciclouse.
Cerceda, a 13 de xullo de 2021.- Durante o pasado ano, e tal e como se reflicte na súa Memoria de actividade correspondente a 2020, SIGNUS xestionou 150.228 toneladas de pneumáticos fóra de uso, propiciando a súa transformación en novos produtos de utilidade para diferentes aplicacións.
Do total de pneumáticos recollidos, preto do 12% destinouse a preparación para a súa reutilización (pneumático de segundo uso ou recauchutado); o 35,2% someteuse a valorización enerxética; e o 52,8% restante reciclouse. De feito, 21.660 toneladas destináronse á instalación de preto de 215 campos de fútbol; 14.637 toneladas foron utilizadas na construción de aproximadamente 2.900 parques infantís; e 2.202 toneladas incorporáronse a 200 quilómetros de estradas.
O impacto da Covid a nivel mundial e a crise desencadeada por esta a nivel económico, ademais de sanitario, fixo que Europa coloque a sostibilidade como un dos principais piares da recuperación.
Desde que comezou a súa actividade, en 2006, SIGNUS veu impulsando diferentes proxectos orientados a poñer en valor os materiais reciclados, contando para isto co apoio de empresas privadas, universidades e centros tecnolóxicos.
Durante 2020 gran parte dos esforzos e estudos realizados dirixíronse a fomentar o emprego de po de caucho en mesturas bituminosas, unha das actuais aplicacións de reciclaxe que non termina de acadar o gran potencial de consumo que ten.
Pero a entidade tamén levou a cabo proxectos noutros sectores tales como o da moda, para o que desenvolveu unha plataforma dixital (neomatique.es) que aglutina toda a información relativa ao pneumático como material para múltiples usos e, por tanto, de interese para o sector da moda e lifestyle.
Fonte e imaxe: SIGNUS