-
O CEIP Plurilingüe Andrade, de Pontedeume, o CEIP Valle Inclán do Grove, o CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro e o CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense, e o CEIP Luis Pimentel, de Lugo, destacaron polo seu dominio da reciclaxe ao obter a máxima puntuación trala caracterización dos contedores que conforman as súas illas de reciclaxe
-
Isto quere dicir que non se rexistraron impropios en ningún dos recipientes, obtendo a máxima cualificación por este concepto: 20 puntos
-
Os colexios teñen de prazo ata principios de xullo para presentar as memorias dos seus proxectos de reciclaxe, nas que se avaliarán igualmente outros parámetros
Cerceda, a 18 de xuño de 2024.- Un total de 5 dos 26 centros educativos que participan na edición 2023-2024 do programa educativo “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta+ da Xunta de Galicia, obtiveron a máxima cualificación en recollida selectiva de residuos. Así o acreditan as caracterizacións dos contedores que conforman as illas de reciclaxe subministradas por Sogama a principios de curso co fin de instaurar a reciclaxe nos centros participantes.
Trátase do CEIP Plurilingüe Andrade, de Pontedeume (A Coruña), o CEIP Valle Inclán, do Grove (Pontevedra), o CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro e o CPR Plurilingüe Divina Pastora, ambos de Ourense, e o CEIP Luis Pimentel de Lugo. En todos eles constatouse a excelente selección de refugallos por parte da comunidade educativa, non tendo detectado ningún elemento impropio nos contedores inspeccionados por monitores de Sogama. A cualificación foi a máxima, 20 puntos.
No resto dos colexios participantes, o traballo tamén foi bo e moi bo, obtendo unha nota, na meirande parte dos casos, ao redor dos 12 e 19 puntos.
Mellora a selección do contedor amarelo
Malia que, tradicionalmente, o contedor amarelo era o que aglutinaba maior porcentaxe de impropios, o certo é que este curso mellorou notablemente, detectándose unicamente algún plástico que non era envase nin envoltorios. No caso do azul, destinado a acoller papel e cartón, rexistrouse algún pano de mesa usado e algún brik, que deberían ter sido depositados no contedor de resto e contedor amarelo respectivamente.
No marrón, concibido para recoller a materia orgánica, puntualmente apareceu algún bolígrafo ou rotulador, que deberían ser introducidos no contedor da fracción resto.
Os 26 centros teñen de prazo ata principios de xullo para presentar as súas memorias a través da aplicación informática do Plan Proxecta. Sogama e a Consellería de Educación avaliarán distintos aspectos tales como a redacción, a achega de recursos, a correcta descrición dos proxectos, a capacidade para implicar á comunidade educativa, familias e propios concellos, etc.
Dos colexios ás familias
Durante todo o curso académico, os educadores de Sogama visitaron periodicamente os 26 centros participantes para impartir formación presencial nos mesmos sobre a xestión sostible dos residuos, para supervisar e orientar os traballos, e tamén para motivalos nun maior esforzo cara á implantación do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe). Igualmente, outra das tarefas foi posibilitar que as boas prácticas instauradas nas aulas se extrapolen aos fogares, familias e contorna social dos alumnos, propiciando que estes actúen como verdadeiros embaixadores da reciclaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación