- Son 17 en total: 4 plantas de biorresiduos -unha por provincia- e 13 plantas de transferencia de apoio que estarán dotadas cunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón
- Á planta de biorresiduos de Cerceda, en funcionamento, súmanse as de Cervo e Verín, xa concluídas e pendentes de recibir a fracción orgánica dos municipios da súa área de influencia, así como a de Vilanova de Arousa, que estará lista en outubro, tal e como anunciou o presidente de Sogama en días pasados
- As obras das plantas de transferencia avanzan a bo ritmo e culminarán no último cuaTrimestre do ano. Exemplo disto é a da Lama, que comezará a operar nas próximas semanas
Cerceda, a 11 de agosto de 2023.- Tras culminar as obras das plantas de biorresiduos de Cervo (Lugo) e Verín (Ourense), o presidente de Sogama, Javier Domínguez, visitaba esta semana a de Vilanova de Arousa (Pontevedra), que entrará en operación o próximo mes de outubro.
Acompañado polo alcalde da localidade, Gonzalo Durán, facía unha chamada aos concellos da área de influencia para que comecen a entregar na mesma a súa materia orgánica, xa que a lexislación europea aprema, establecendo o 31 de decembro do ano en curso como data límite para que os entes locais materialicen a recollida diferenciada desta fracción para a súa posterior transformación en compost.
As 4 plantas de biorresiduos que se atopan baixo a competencia de Sogama (ás tres anteriores, engádese a de Cerceda, en funcionamento), serán complementadas por 13 plantas de transferencia distribuídas estratexicamente pola xeografía galega, ás que se dotará cunha tolva específica para os residuos orgánicos, que logo se transportarán á planta de compostaxe máis próxima. A da Lama (Pontevedra) é unha delas. Durante a visita que o máximo responsable de Sogama fixo á mesma para comprobar o avance das obras, anunciou que estará operativa nas próximas semanas.
A licitación e construción, case simultánea, de 17 plantas nun curto período de tempo, foi todo un reto, xa non só polo labor en si, senón por coincidir coa guerra de Ucraína e as súas negativas consecuencias para a subministración de materias primas, a desorbitada suba de prezos e a elevadísima inflación, que botou por terra as previsións económicas iniciais, debendo ser reaxustadas ao longo destes meses.
Esta rede de infraestruturas está cofinanciada con Fondos FEDER-REACT EU como resposta da Unión Europea á crise do Covid-19. Concretamente 30 millóns de euros, que Sogama completará con 10 millóns de euros máis procedentes de fondos propios para facer fronte ao custo total que suporá a posta en marcha destas plantas: 40 millóns de euros en total.
Cumprimento da lexislación europea
É por isto que Domínguez Lino apelou en sucesivas ocasións á responsabilidade dos concellos no cumprimento da normativa comunitaria, lembrando que, aínda que a xestión dos residuos é unha competencia municipal, a Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, decidiu poñer os medios necesarios para axudarlles a dar resposta efectiva á lexislación vixente.
O presidente desta compañía pública confía en que, máis cedo que tarde, e tomando como punto de referencia o próximo 31 de decembro, os concellos activen os mecanismos necesarios para recoller e tratar de forma independente a materia orgánica, tendo moi presente a necesidade de levar a cabo campañas de formación e concienciación social na correcta segregación dos residuos orgánicos para que estes reciban o tratamento correspondente: a súa conversión en abono natural.
Saúdos, Departamento de Comunicación