- No mesmo están representados os departamentos de prevención de riscos das 12 plantas que forman parte da Asociación Española de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos.
- Dada a importancia transcendental que en toda infraestrutura industrial ten a prevención, estes encontros permiten aos responsables de área de cada instalación intercambiar coñecementos e experiencias para mellorar este servizo no desempeño diario.
- O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, incidiu na imperiosa necesidade de visualizar a prevención como principal medida a adoptar, aplicando protocolos adaptados fielmente ás particularidades de cada entidade e velando polo estrito cumprimento dos mesmos.
Cerceda, a 29 de outubro de 2021.- A Sociedade Galega do Medio Ambiente actuou como anfitriona da xuntanza do Comité de Prevención de Riscos Laborais integrado en Aeversu (Asociación Española de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos).
Esta organización, que aglutina a 12 plantas, ten por obxecto defender os intereses dos asociados e promover a valorización enerxética dos refugallos non reciclables, evitando desta forma o seu depósito en vertedoiro, a opción menos desexable debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde pública.
Ademais de Sogama, forman parte de Aeversu o complexo industrial de Zabalgarbi (País Vasco), Sirusa (Tarragona), Tersa (Sant Adriá de Besós, Barcelona), Tircantabria (Cantabria), Tirme (Illas Baleares), Trargisa (Xirona), Remesa (Melilla), Tirmadrid (Madrid), TEM ( Mataró, Barcelona), Ekondakin (Gipuzkoa) e CTRASA (Andorra).
Dada a importancia transcendental que en toda infraestrutura industrial debe ter a prevención de riscos, estas reunións permiten aos responsables de área de cada compañía ampliar a súa bagaxe e intercambiar coñecementos e experiencias para mellorar un servizo prioritario para o desempeño diario en cada unha delas, preservando a saúde e o benestar dos traballadores.
Os visitantes tiveron a ocasión de realizar un percorrido guiado polas distintas plantas que conforman o Complexo Medioambiental de Cerceda, deténdose na máis nova e recente, isto é, a planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, que opera en liña coa industria 4.0.
Con motivo deste encontro, o presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, incidiu na imperiosa necesidade de visualizar a prevención como principal medida a adoptar, aplicando protocolos adaptados fielmente ás particularidades de cada entidade e velando polo estrito cumprimento dos mesmos.
Saúdos, Departamento de Comunicación