- Educadores especializados impartirán nesta localidade coruñesa unha charla que terá lugar o próximo 9 de decembro, ás 19:30 horas, na propia Casa Consistorial.
- O obxectivo desta cita é que os veciños teñan a oportunidade de ampliar os seus coñecementos na xestión sostible dos residuos urbanos e tomen conciencia da importancia que ten aplicar cada día o principio dos tres erres: redución, reutilización e reciclaxe.
- A sesión será aproveitada para resolver dúbidas e tomar boa nota das impresións, opinións e observacións trasladadas por parte dos asistentes, esenciais para mellorar o sistema de xestión de residuos no seu conxunto.
Cerceda, a 5 de decembro de 2019.- O Concello de Paderne (A Coruña), co apoio de Sogama, organiza unha sesión formativa vinculada á xestión sostible dos residuos urbanos a fin de que a veciñanza teña a oportunidade de ampliar os seus coñecementos na materia e tome conciencia da importancia que ten aplicar cada día as boas prácticas ambientais na redución de residuos, na reutilización e na reciclaxe.
A cita terá lugar o vindeiro luns, 9 de decembro, ás 19:30 horas, na Casa Consistorial.
As explicacións a impartir polos monitores de Sogama centraranse fundamentalmente no consumo responsable, na necesidade de prescindir dos plásticos de usar e tirar, apostando por envases e embalaxes sostibles, e na importancia de diminuír o desperdicio alimentario, toda vez que o fogar, cun 42%, é un dos ámbitos que máis contribúen a este fenómeno.
Neste marco, proporcionaranse as claves para evitar que a comida acabe no cubo do lixo: revisar primeiro a despensa e a neveira para comprobar os artigos que deben ser consumidos por orde de antigüidade, diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar sobras para a elaboración de novos menús.
Así mesmo, prestarase especial atención aos refugallos que deben e non deben depositarse en cada un dos contedores de recollida selectiva: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; iglú verde, para envases de vidro; e contedor verde xenérico, para a fracción resto.
Só realizando unha correcta recollida selectiva en orixe, poderase contribuír ao reciclaxe e, polo tanto, á consecución dos seus beneficios ambientais e económicos.
A xornada tamén será aproveitada para resolver as dúbidas que poidan presentar os asistentes, complementar os seus coñecementos e tomar boa nota das súas impresións, opinións e observacións, esenciais para mellorar o sistema de xestión de residuos no seu conxunto.
Saúdos, Departamento de Comunicación