- Os seus educadores impartirán o próximo luns neste centro sesións formativas nas que se deixará constancia da necesidade de facer fronte aos residuos que producimos cada día desde a colaboración e a innovación.
- Falarase das boas prácticas para combater o desperdicio alimentario, de como proceder para separar correctamente os refugallos en orixe e da importancia da valorización da materia orgánica a través da compostaxe.
- Abordarase tamén o fenómeno do lixo mariño e a contaminación por plásticos, e explicarase o cometido da nova planta de recuperación de materiais de Sogama, que permitirá incrementar os índices de reciclado.
Cerceda, a 26 de abril de 2019.- Os monitores de Sogama impartirán o próximo luns, 29 de abril, no CEIP Castelao do concello de Rianxo (A Coruña) tres sesións formativas que dirixirán a ao redor de 170 alumnos/a de Educación Primaria.
Con esta xornada, o obxectivo do equipo docente é que os pequenos tomen conciencia da gran cantidade de residuos que se producen cada día e como contribuír a minorar a súa xeración e mellor xestión.
Para isto proporcionaránselles as pautas coas que facer compras responsables, dando resposta a necesidades reais, e a diminuír o desperdicio alimentario, xa que en Europa refúgase un terzo dos alimentos destinados ao consumo humano, sendo o fogar o ámbito que máis contribúe a este fenómeno.
A lista da compra, diferenciar claramente a data de caducidade da de consumo preferente, revisar e ordenar a neveira, frigorífico e despensa a fin de consumir antes os produtos máis antigos, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para a elaboración de novos menús constitúen algunhas das claves a ter en conta .
Incidirase na necesidade de alongar a vida útil dos produtos e, unha vez convertidos en residuos, en separalos por tipoloxías e depositalos nos contedores axeitados para ser reciclados e, polo tanto, convertidos en novos artigos de utilidade; unha práctica coa que se aforrará enerxía e materias primas.
A valorización da materia orgánica a través da compostaxe constituirá outra das temáticas a abordar. Neste sentido, explicaráselles que Sogama lidera un programa de compostaxe doméstica ao que están adscritas máis de 290 entidades, entre concellos, centros educativos e colectivos sociais, e entre as que se repartiron máis de 10.000 composteiros para propiciar que a materia orgánica se converta en compost , un abono natural con excelentes propiedades para o solo.
Falarase tamén da contaminación por plásticos, da necesidade de reducir o seu consumo, especialmente dos plásticos de usar e tirar, así como do lixo que acaba nos océanos, e que nun 80% ten a súa orixe en terra, dadas as súas graves consecuencias para os ecosistemas mariños, a fauna, a pesca, o turismo e a propia alimentación humana.
INNOVACIÓN TECNOLÓXICA
Así mesmo, explicaráselles o proxecto de ampliación do complexo medioambiental de Cerceda e a súa firme aposta pola innovación, contando desde o pasado mes de novembro cunha planta de recuperación de materiais contidos na bolsa de lixo convencional que, a través de equipos tecnolóxicos de última xeración, permitirá seleccionar ata 11 tipos de refugallos e envialos aos centros recicladores para a súa posterior transformación en novos produtos.
Esta planta, xunto con outras melloras, permitirá á Sociedade incrementar a súa achega ao reciclado e diminuír exponencialmente o uso do vertedoiro ata chegar, en 2020, ao vertido técnico cero.
Saúdos, Departamento de Comunicación