- O balance contempla as visitas ás súas instalacións, limitadas en gran medida polas obras de ampliación e as máximas condicións de seguridade, charlas externas en centros e actividades formativas enmarcadas no programa educativo “Recíclate con Sogama”.
- Ademais destas accións presenciais directas, Sogama levou a cabo moitas outras campañas dirixidas a distintos públicos nas que tomou como referencia en todo momento a economía circular e a sostibilidade.
- Mención especial merece a súa plataforma pedagóxica online “Caderno Verde”, onde o medio ambiente trabállase, con carácter transversal, nas distintas disciplinas obxecto de estudo en Educación Primaria.
Cerceda, a 28 de xuño de 2019.- Concluído o curso académico 2018-2019, Sogama fai balance das súas accións educativas directas, contemplando o programa de visitas ás súas instalacións, as charlas externas e as xornadas formativas desenvolvidas no marco do programa “Recíclate con Sogama”. En total, 124 accións educativas e máis de 6.800 persoas atendidas, na súa gran maioría escolares.
As obras de ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda, que chegarán ao seu fin este verán, limitaron en boa medida a operativa propia do plan de visitas debido ás maiores restricións nas condicións de seguridade, toda vez que se incrementa o tráfico pesado, o transporte de mercancías e materiais de gran tamaño, etc. Pero, aínda así, e tendo en conta estas circunstancias, houbo centros cuxos docentes e alumnos quixéronse desprazar igualmente a Sogama para aproveitar as charlas impartidas polos seus educadores ambientais, que estiveron reforzadas en todo momento con diversos recursos tales como vídeos, presentacións e xogos e das que os destinatarios, tal e como manifestaron, sacaron o máximo rendemento.
As explicacións proporcionadas sobre a maqueta do complexo tamén lles axudou a comprender o funcionamento das distintas instalacións e, moi importante, a razón de ser da ampliación, que permitirá incrementar a capacidade do complexo nun 81% e dar un tratamento óptimo aos residuos procedentes dos 295 concellos adheridos ao modelo Sogama.
A primeira fase desta ampliación tomou forma coa posta en marcha da nova planta de recuperación de materiais, en novembro de 2018. En liña coa industria 4.0, é capaz de seleccionar, coas tecnoloxías máis innovadoras, ata 11 tipos de residuos de forma automática contidos no lixo en masa. A segunda fase, que culminará en breve, contemplou a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. Con esta mellora, a empresa cuadriplicará a súa achega á reciclaxe e reducirá o uso do vertedoiro ata chegar o próximo ano ao vertido técnico cero (10%), esixencia establecida polo Parlamento Europeo para os Estados membros en 2035.
FORMACIÓN INTEGRAL NOS CENTROS ESCOLARES
A petición dos centros, os monitores impartiron igualmente sesións formativas en distintos puntos xeográficos de Galicia, onde abordaron, non só a actividade industrial de Sogama e o principio comunitario dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), senón que tamén se detiveron en explicar os pormenores do desperdicio alimentario, a contaminación mariña por plásticos e o programa de compostaxe doméstico de Sogama, ao que están adscritas preto de 300 entidades, entre concellos, centros educativos e colectivos sociais, entre as que distribuíron máis de 10.300 composteiros.
Adicionalmente, habería que destacar a formación dispensada no marco do programa “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, e cuxo obxectivo é instaurar a reciclaxe nas aulas. Ademais da dotación de medios materiais (contedores, composteiros) e divulgativos (folletos, carteis, unidades didácticas, xogos –físicos e online-), os educadores tamén dedicaron sendas xornadas a explicar as boas prácticas ambientais a aplicar cada día para avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos.
CADERNO VERDE, OUTRO CAPÍTULO
Máis aló destas accións presenciais directas, Sogama levou a cabo moitas outras campañas dirixidas a distintos públicos enmarcadas na economía circular e a sostibilidade, sen esquecer a súa plataforma pedagóxica “Caderno Verde”, onde o medio ambiente trabállase, con carácter transversal, nas distintas disciplinas obxecto de estudo en Educación Primaria.
Saúdos, Departamento de Comunicación