- Os monitores desta empresa pública impartirán o vindeiro venres, 29 de marzo, tres sesións formativas no CEIP A Ramallosa de Teo (A Coruña) nas que participarán 145 escolares de Primaria.
- O principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) cobrarán especial protagonismo, abordando temáticas de actualidade tales como o lixo mariño, a contaminación por plásticos, o desperdicio alimentario e a valorización da materia orgánica a través da compostaxe.
Cerceda, a 27 de marzo de 2019.- Educadores de Sogama desprazaranse o vindeiro venres, 29 de marzo, ao CEIP A Ramallosa, pertencente ao concello de Teo (A Coruña) para formar en boas prácticas ambientais a 145 escolares de Educación Primaria.
Con tal fin, desenvolveranse tres sesións nas que se abordarán a problemática que representa a elevada xeración de lixo nas sociedades modernas e estratexias para facer fronte á mesma a través do principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Explicarase aos pequenos o alcance de cada un destes conceptos e incidirase na importancia de levar a cabo un consumo responsable e consciente que responda a necesidades reais, posibilitando con isto a diminución da xeración de residuos. Tamén se incidirá na importancia de alongar a vida útil dos produtos e, unha vez convertidos en refugallos, a necesidade clasificalos en orixe por tipoloxías para propiciar o seu posterior reciclado e, polo tanto, a súa conversión en novos artigos, aforrando enerxía e materias primas.
PLÁSTICOS, DESPERDICIO ALIMENTARIO E COMPOSTAXE
Así mesmo, desgranaranse temáticas de plena actualidade tales como o lixo mariño e a contaminación por plásticos, informando sobre as negativas consecuencias que, para os océanos, teñen os residuos plásticos, pois ameazan a pesca e o turismo, a integridade dos ecosistemas, a supervivencia dos propios animais mariños, xa que os inxiren ao confundilos con alimento, ocasionándolles lesións no tracto dixestivo e, en moitas ocasións, a propia morte, sen esquecer o risco que entrañan para a alimentación humana, toda vez que os plásticos desintégranse en minúsculas partículas que acaban no peixe que comemos ou ben no propio sal co que aderezamos os pratos.
Poñer fin aos plásticos de usar e tirar (cubertos, pratos, vasos, paxiñas, etc) constitúe un gran paso cara a un comportamento máis sostible e acorde cun modelo de desenvolvemento circular.
O desperdicio alimentario representa outra das cuestións a expoñer e debater. As cifras son alarmantes: un terzo da comida que se produce no mundo para o consumo humano acaba refugada ao longo da cadea, fundamentalmente na etapa de consumo, contribuíndo os fogares a este fenómeno nun 42%. A campaña de Sogama “Comer si, tirar non” proporciona recursos didácticos e divulgativos de apoio a través dos cales concienciar á poboación sobre esta situación e pasar á acción para evitar que unha gran parte dos alimentos que compramos acaben cada día no cubo do lixo. Planificar as compras, diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente, revisar a despensa, neveira e conxelador, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para elaborar novos menús constitúen algunhas das recomendacións a seguir.
E para a parte non comestible dos alimentos e restos vexetais sempre queda a opción da compostaxe, técnica que permite converter a materia orgánica nun abono natural de alto poder fertilizante para o solo. Sogama conta cun programa de compostaxe doméstica instaurado xa en máis de 290 entidades (concellos centros educativos e colectivos sociais) nas que repartiu preto de 10.000 composteiros, posibilitando con isto a consecución de importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Saúdos, Departamento de Comunicación