- Os contidos das sesións formativas serán adaptados a cada grupo de idade e acompañaranse de recursos tales como presentacións, vídeos e xogos a fin de que os escolares poidan interiorizar as boas prácticas ambientais dunha forma lúdica e eficiente.
- Proporcionaranse as claves para contribuír a unha xestión sostible dos residuos e explicarase o cometido de Sogama.
- Desperdicio alimentario, contaminación por plásticos, consumo responsable e compostaxe da materia orgánica serán, entre outras, algunhas das temáticas a abordar.
Cerceda, a 28 de outubro de 2019.- Educadores especializados de Sogama desprazaranse mañá, 29 de outubro, ao CEIP Escultor Acuña co fin de impartir varias sesións formativas centradas na xestión sostible dos residuos urbanos.
Os contidos, dirixidos a alumnos/as de 4º a 6º de Primaria, serán adaptados a cada grupo de idade e acompañaranse de recursos tales como presentacións, vídeos e xogos a fin de que os escolares poidan interiorizar as boas prácticas ambientais dunha forma lúdica e eficiente.
Ademais de abordar a problemática que, a día de hoxe, representa a elevada xeración de residuos, proporcionaranse as pautas para consumir de forma responsable, adquirindo unicamente o necesario e dando preferencia aos produtos reutilizables e co mínimo envase e embalaxe.
Así mesmo, identificaranse os materiais a depositar en cada contedor, xesto imprescindible para garantir a súa correcta reciclaxe. Desta forma, recordarase que o amarelo acolle unicamente envases de plástico, latas e briks; que o azul está destinado ao papel e cartón; que o iglú verde está concibido para recoller envases de vidro e que o contedor verde xenérico resérvase para a fracción resto.
Tamén se explicará a actividade de Sogama, encargada de xestionar a meirande parte dos residuos urbanos producidos en Galicia, dando servizo actualmente a 295 concellos ou, o que é o mesmo, a máis de 2.242.000 habitantes, a través dunha xestión na que se prioriza a aplicación do principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), complementándoo coa Recuperación enerxética da parte non reciclable. De feito, a entidade produce o equivalente á electricidade consumida polo 12% dos fogares galegos.
A recente ampliación do Complexo cercedense, que contemplou a incorporación dunha nova planta para a recuperación dos materiais reciclables contidos no lixo convencional e a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, permitirá á compañía tratar en condicións óptimas todos os residuos recepcionados nas súas instalacións, multiplicar por catro a súa achega á reciclaxe e chegar en 2020 ao vertido técnico cero (10%).
Así mesmo, os monitores de Sogama abordarán outras cuestións de gran interese tales como a redución do desperdicio alimentario, a contaminación por plásticos e a súa afección sobre os océanos, e a compostaxe da materia orgánica.
Neste sentido, cabe sinalar que Sogama lidera un programa de compostaxe doméstica que xa estendeu a 314 entidades de toda Galicia (concellos, centros educativos e colectivos sociais) entre os que repartiu 10.900 composteiros.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación