- No marco do Día Mundial do Medio Ambiente, esta empresa pública anunciou os centros galardoados: CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove-Lugo (1º premio, cunha dotación de 1.300 euros); CEIP da Cruz de Nigrán-Pontevedra (2º premio, con 1.000 euros); e Celso Emilio Ferreiro de Cerceda-A Coruña (3º premio, con 700 euros)
- Así mesmo, concedéronse accésits a aqueles colexios que, non sendo gañadores, destacaron polos seus traballos: CEIP de Cervo-Lugo (1º); CEIP de Lourido, Poio-Pontevedra (2º) e CEIP de Roxos, de Santiago de Compostela (3º)
- O concurso forma parte das actividades contempladas no programa educativo “Recíclatee con Sogama” 2021-2022, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta, e cuxo obxectivo é fomentar a xestión sostible dos residuos nas aulas
Cerceda, a 4 de xuño de 2022.- No marco do Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra mañá, 5 de xuño, erixíndose na cita máis emblemática das Nacións Unidas para promover a conciencia e a acción mundial no coidado da contorna, Sogama dá a coñecer os centros escolares gañadores do concurso de carteis contemplado no programa educativo “Recíclate con Sogama” 2021-2022, divulgando desta forma a oportunidade que representa para o medio ambiente transformar os residuos en recursos.
O xurado non o tivo fácil á hora de asignar as puntuacións a cada candidatura, dado o alto nivel de todos elas en canto á propia calidade do cartel, grao de creatividade e orixinalidade, a mensaxe ambiental que se transmite para lograr un impacto positivo na concienciación da poboación sobre as bondades da reciclaxe e a claridade na redacción do texto para facilitar a súa comprensión.
GAÑADORES
O primeiro premio, dotado con 1.300 euros, foise para o municipio lucense de Xove, en concreto para o CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán, que, curiosamente, tamén se fixo con este posto no concurso da pasada edición.
Baixo o título “O MUNDO está nas TÚAS MANS!”, o cartel reproduce distintos continentes da terra que, aínda que orixinariamente son verdes, aparecen representados con tiritas, mentres mans humanas sosteñen o símbolo de reciclaxe cuberto de algodóns coa esperanza de que este actúe a modo de cura. Unha representación na que cobra forza a unión e colaboración entre os cidadáns como motor do cambio.
Os alumnos deste centro móstranse convencidos de que a reciclaxe non é unha moda, senón unha necesidade para que a Terra recupere todo o seu esplendor. Aseguran que “Non hai xesto pequeno cando a intención é grande”.
O CEIP da Cruz, pertencente ao municipio de Nigrán (Pontevedra), fíxose co segundo premio, gratificado con 1.000 euros. Co lema “Planeta reciclado, planeta ben coidado”, o seu cartel representa unha botella elaborada con distintos materiais reciclados, sinalando respecto diso que, cando lanzamos unha simple botella de plástico á contorna, estamos a romper a cadea da natureza e degradando o medio ambiente, pero se contribuímos á súa reciclaxe, estamos a darlle unha nova oportunidade.
E o terceiro premio, con 700 euros, recaeu en Cerceda (A Coruña), concretamente no CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro. Coas fotos de distintos alumnos/ as suxeitando residuos que deben ser reciclados, chaman a atención sobre a importancia de actuar para protexer o medio ambiente. A través da súa imaxe convídannos a activar os sentidos, a tomar conciencia da realidade, a superar o desinterese e a comodidade, e a pasar á acción para gañar a batalla ao cambio climático. “Non deixes que os residuos bloqueen os teus sentidos: observa, escoita, reivindica, móvete. Segrega!
En todos os casos, os importes económicos deben ser investidos polos centros en material e/ou accións educativas.
ACCÉSITS
Máis aló destes tres clasificados, tamén se concederon accésits a aqueles colexios que, sen ser gañadores, destacaron polos seus traballos. Así, o primeiro accésit recoñece o labor do CEIP de Cervo (Lugo). No seu cartel ilustran a terra co símbolo da reciclaxe e a frase “Nacemos para coidar o mundo; non para destruílo”.
O segundo accésit levouno o CEIP de Lourido (Poio-Pontevedra). Coa súa obra “Cantemos en clave R”, os pequenos aseguran que debemos ir máis aló dos tres erres e apostar por Rexeitar, Redeseñar, Reducir, Reutilizar, Reparar, Renovar, Recuperar e Reciclar.
Pola súa banda, o CEIP de Roxos, en Santiago de Compostela foi recoñecido co terceiro accésit polo seu cartel “O lixo non mola, amola”.
SOBRE RECÍCLATE CON SOGAMA
Canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, e en vigor desde hai 11 anos, trátase dun programa educativo orientado a formar aos escolares na xestión sostible dos residuos urbanos a través da estratexia europea dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe).
Ao longo do curso, os centros participantes desenvolveron os seus propios proxectos coa axuda de Sogama, quen lles subministrou os medios materiais e didácticos necesarios, tendo á súa disposición un grupo de educadores especializados que se desprazaron periodicamente polos distintos centros para impartir sesións formativas, resolveras dúbidas trasladadas polos propios alumnos e profesores, e comprobar in situ a evolución das súas tarefas.
Os 24 colexios participantes deben presentar, a través da aplicación informática do Plan Proxecta, unha memoria de actividades para que sexa avaliada.
Saúdos, Departamento de Comunicación