- Foron repartidos entre 100 entidades (41 concellos, 54 centros educativos e 5 colectivos sociais).
- Os recipientes, con capacidade para 390 e 400 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil.
- Condición indispensable é que as familias participantes habiten nunha vivenda unifamiliar que dispoña de terreo no que aplicar o compost resultante.
- A empresa pública tamén contribúe á formación dos usuarios coa dotación de manuais didácticos de apoio, a impartición de cursos presenciais e unha plataforma web específica.
Cerceda, a 23 de outubro de 2020.- Sogama distribuíu de forma gratuita na provincia de Pontevedra 5.183 compostadores domésticos entre as 100 entidades adscritas ao seu programa (41 concellos, 54 centros educativos e 5 colectivos sociais).
Os recipientes, con capacidade para 390 e 400 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil.
No caso dos municipios, foron proporcionados aos veciños interesados a través dos correspondentes gobernos locais, os cales se encargan igualmente do seguimento do programa mediante visitas periódicas aos fogares participantes, Transcorrido un ano desde a implantación da iniciativa, deben remitir un informe a Sogama no que dean conta da acollida da mesma, resposta dos usuarios, correcta aplicación da técnica e preguntas máis frecuentes.
Condición indispensable é que as familias participantes habiten nunha vivenda unifamiliar que dispoña de terreo (horta, xardín ou terra de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando desta forma o ciclo de aproveitamento e reciclaxe da materia orgánica. Dado que esta fracción representa en torno ao 42% dunha bolsa de lixo tipo, se se recupera en orixe evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, circunstancia que, máis aló das súas evidentes bondades ambientais, trae consigo un aforro de custos, tanto no que incumbe á recollida como ao tratamento final nas dependencias de Sogama.
Así mesmo, Sogama dota aos veciños con manuais didácticos de apoio nos que se describe o proceso a seguir e os pasos a dar para obter un abono natural de alta calidade que poida ser aplicado ao solo con absolutas garantías e sen restricións.
A empresa pública tamén vén impartindo cursos de formación presenciais nos que explica de forma pormenorizada todas as cuestións a ter en conta para que os resultados sexan satisfactorios, prestando especial atención á propia ubicación do composteiro, que debe emprazarse nunha zona protexida e sombreada, debendo estar en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, así como ao control de parámetros de gran relevancia como son o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Adicionalmente, pón a disposición dos interesados unha plataforma web www.compostaconsogama.gal, a través da cal poden recabar toda a información sobre esta iniciativa e acceder a recursos divulgativos complementarios tales como contidos online, manuais, videos e xogos.
Saúdos, Departamento de Comunicación
Imaxe: Pixabay