- Serán repartidos polo ente local entre outras tantas familias que habiten en vivendas con terreo no que aplicar o abono resultante, pechando así o círculo de reciclaxe da materia orgánica.
- Os recipientes, de 390 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil, e permiten que o proceso de fermentación da materia orgánica se leve a cabo de forma máis cómoda e hixiénica.
- Os usuarios recibirán un curso de formación e manuais didácticos de apoio para reforzar os seus coñecementos e capacitalos para obter un abono de alta calidade.
Cerceda, a 29 de setembro de 2020- A Sociedade Galega do Medio Ambiente entregou ao concello coruñés de Boimorto un total de 40 composteiros para que os distribúa entre outras tantas familias que cumpran cos requisitos estipulados, é dicir, que habiten en vivendas que dispoñan de terreo (xardín, horao e/ou terras de cultivo) no que aplicar o abono resultante, pechando así o círculo de reciclaxe da materia orgánica.
Con esta medida, o ente local pretende seguir dando pasos cara á sostibilidade e recuperar unha práctica que forma parte do acervo do medio rural como é a segregación dos residuos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, e que lle permite aforrar custos, tanto ambientais como económicos.
Os composteiros, de 390 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil, e permiten que o proceso de fermentación da materia orgánica se leve a cabo de forma máis cómoda e hixiénica, propiciando que os usuarios teñan un maior control do mesmo.
A fin de que a operativa se desenvolva con rigor, técnicos de Sogama impartirán un curso de formación aos veciños interesados. No mesmo explicarase con detalle o protocolo a seguir para que a experiencia resulte exitosa: desde o propio emprazamento do composteiros, que debe estar nunha zona protexida, sombreada e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñoedores, ata a relación de materiais que deben depositarse no mesmo e a vixilancia de parámetros relevantes tales como o osíxeno, a humidade e a temperatura.
Adicionalmente, entregarase aos participantes manuais didácticos de apoio para que poidan complementar os seus coñecementos, consultar dúbidas e obter resposta ás preguntas máis frecuentes.
Contan tamén cun sitio web específico www.compostaconsogama.gal, onde poderán atopar diferentes recursos divulgativos cos que perfeccionar a técnica e tomar boa nota das súas bondades.
Saúdos, Departamento de Comunicación
Imaxe: Pixabay