- O presidente de Sogama e o presidente do ente provincial mantiveron un encontro de traballo no que o primeiro expuxo a situación das instalacións coas que conta a provincia, isto é, unha planta de biorresiduos en Verín e dúas plantas de transferencia de apoio: San Cibrao das Viñas e A Rúa
- Domínguez lembrou que, conforme á lexislación europea vixente, os concellos dispoñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar a recollida diferenciada da materia orgánica
- Ofreceu á Deputación a colaboración da empresa nas campañas de formación e concienciación que levarán a cabo os entes locais no correcto uso do quinto contedor e/ou do composteiro
Ourense, ao 9 de novembro de 2023.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo a fin de analizar conxuntamente a dotación de infraestruturas públicas para a valorización da materia orgánica mediante a súa transformación en compost, un abono de alta calidade para o solo.
Domínguez explicou que a provincia dispón dunha planta de biorresiduos na localidade de Verín (polígono industrial de Pazos), que xa se atopa ao dispor dos 22 concellos da súa área de influencia, cunha poboación de 48.000 habitantes, así como de dúas plantas de transferencia de apoio (San Cibrao das Viñas e A Rúa) ás que se dotou dunha tolva específica para transvasar a fracción orgánica contida nos residuos para ser transportada posteriormente á planta de tratamento.
Estímase que a instalación de Verín, con capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de materia orgánica e 1.600 toneladas de material estruturante, producirá da orde de 1.500 toneladas anuais de compost, que se utilizará no sector da agricultura e xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.
A planta está equipada coas tecnoloxías máis innovadoras en depuración de augas e aire, así como en redución do nivel de ruídos, garantindo desta forma unha operativa totalmente respectuosa co medio ambiente e a saúde. Así mesmo, é autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao estar alimentada con fontes renovables, concretamente con enerxía solar fotovoltaica.
O máximo responsable de Sogama lembrou que, conforme á lexislación europea vixente, os concellos dispoñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar a recollida diferenciada da materia orgánica e, malia que a xestión dos residuos é unha competencia municipal, a Xunta de Galicia habilitou na provincia tres instalacións para axudar aos entes locais a cumprir coas esixencias da normativa.
A compostaxe doméstica, clave nos territorios rurais
Naquelas localidades rurais, cunha gran dispersión da poboación, a autoxestión da materia orgánica xogará un papel relevante. De feito, un total de 105 entidades da provincia (86 concellos e 19 centros educativos) están adscritos ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, no marco do cal se repartiron, en colaboración coa Deputación de Ourense e tamén de forma directa por parte da empresa, un total de 3.193 composteiros.
Domínguez Lino ofreceu ao presidente do ente provincial colaborar nas campañas de formación e concienciación relativas á recollida separada da materia orgánica, tanto no eido da compostaxe doméstica coma no industrial, impartindo charlas, talleres e cursos.
Saúdos, Departamento de Comunicación