- Foi rubricado esta mañá por parte do presidente de Sogama, Javier Domínguez, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar.
- No marco do mesmo, levarase a cabo a II Campaña Provincial de Compostaxe Doméstica 2019-2020, que estará dirixida a 91 concellos da provincia; aqueles con poboación inferior aos 20.000 habitantes.
- O convenio, que estará vixente durante un ano, conta cunha dotación orzamentaria de 60.000 euros, a sufragar por Sogama e a Deputación a partes iguais.
- Nunha primeira fase levaranse a cabo tarefas de divulgación, captación e selección de participantes, pasando logo á fase de formación e culminando coa de seguimento porta a porta.
Cerceda, a 29 de outubro de 2019.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, rubricaron esta mañá un novo convenio de colaboración para seguir impulsando a compostaxe doméstica na provincia.
Tralo éxito da I Campaña Provincial de Compostaxe 2017-2018, que contemplou a distribución de 1.125 composteiros en vivendas unifamiliares de distintos concellos, o acordo selado hoxe está orientado a materializar a que será a II Campaña Provincial de Compostaxe Doméstica 2019-2020, dirixíndose aos 91 concellos con poboación inferior aos 20.000 habitantes.
A dirección, supervisión e control dos traballos vinculados a esta iniciativa correrá a cargo da Deputación, que estará coordinada en todo momento con Sogama na xestión de todas as actividades a levar a cabo tales como xornadas de formación, contidos do material divulgativo a editar, seguimento das distintas tarefas, etc.
ESTRUTURA
Nunha primeira fase, a campaña centrarase na divulgación, captación e selección dos participantes. O criterio a seguir, tralo compromiso de colaboración por parte dos entes locais interesados, será por estrita orde de solicitude e, se a demanda fose superior ao número de composteiros dispoñibles, darase prioridade ás solicitudes daqueles concellos que non tiveran participado anteriormente en programas de compostaxe promovidos por Sogama ou pola propia Deputación.
Os veciños que queiran formar parte desta campaña, deben cumprir cunha serie de condicionantes tales como ter a súa primeira residencia no termo municipal do concello participante, asistir á xornada de formación, dispoñer dunha superficie de terreo mínima para aplicar o compost resultante, etc.
Nunha segunda fase prestarase especial atención á transmisión de coñecementos na materia a fin de que os usuarios poidan obter un compost de alta calidade que cumpra con todos os parámetros contemplados na lexislación vixente e poida aplicarse ao solo con garantías e sen restricións.
A terceira fase centrarase no seguimento, que se traducirá en visitas físicas a cada vivenda para comprobar o proceso, corrixir erros, solventar dúbidas e tamén tomar boa nota de propostas e opinións.
VIXENCIA E ORZAMENTO
O convenio, que estará vixente durante un ano, conta cunha dotación orzamentaria de 60.000 euros, a sufragar por Sogama e a Deputación a partes iguais.
Unha comisión de vixilancia, control e seguimento, conformada por un representante da Deputación Provincial e outro de Sogama, velará polo correcto desenvolvemento deste acordo.
Saúdos, Departamento de Comunicación