-
Os participantes recibirán tamén un manual didáctico de apoio e poderán asistir a un curso de formación presencial que técnicos desta empresa pública impartirán no concello o vindeiro 14 de xuño
Cerceda, a 27 de maio de 2024.- Sogama entregou ao Concello de Ribadavia (Ourense) 30 composteiros para que outras tantas familias teñan a oportunidade de autoxestionar os seus residuos orgánicos e elaborar o seu propio compost.
Os recipientes, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, posibilitan que o proceso de autocompostaxe resulte máis cómodo, hixiénico e eficiente para os usuarios, que, en todo caso, deben residir en vivendas unifamiliares e dispoñer de terreo (xardín, horta e/ou terras de cultivo) no que aplicar o fertilizante resultante.
Ademais do composteiro, os participantes recibirán un manual didáctico de apoio no que se explica, de forma pormenorizada, os pasos a seguir para obter un abono natural de alta calidade que poida aplicarse ao solo con garantías e sen restricións. Con tal fin, o composteiro debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
No manual detállanse os materiais que deben -e non deben-introducirse no recipiente e oriéntase ao usuario respecto do mantemento do mesmo, xa que debe procurar que haxa un equilibrio entre fracción húmida e seca, ademais de controlar parámetros que influirán no resultado final tales como o osíxeno, a humidade e a temperatura. Tamén se dá resposta ás preguntas máis frecuentes e aos erros máis comúns.
Con todo, e a solicitude do ente local, técnicos de Sogama impartirán en Ribadavia un curso de formación presencial, que terá lugar o vindeiro 14 de xuño, no que se darán a coñecer os pormenores da técnica e resolveranse todas as dúbidas da veciñanza. O obxectivo último é que a materia orgánica producida nos fogares (en torno ao 37-40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo), se recupere na propia vivenda (todo un exemplo de economía circular) e se evite o seu depósito no contedor da rúa, disminuíndo desta forma os custos relativos á recollida, transporte e tratamento dos residuos.
Preto de 22.000 composteiros repartidos
A día de hoxe, un total de 467 entidades das catro provincias (228 concellos, 207 centros educativos e 32 colectivos sociais) están adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo repartido entre as mesmas, e de forma gratuíta, preto de 22.000 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación