- Trátase dunha entidade social sen ánimo de lucro cuxa área de influencia atópase nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, presta un importante servizo de atención psico-social á infancia, á familia e a persoas con discapacidade intelectual en ámbitos.
- A reciclaxe da materia orgánica permite unha maior conexión dos seus usuarios coa natureza e a posta en valor da fracción orgánica contida nos residuos mediante a súa conversión en compost.
Cerceda, a 29 de novembro de 2019.- Sogama entregou ao centro de ASPANEPS (Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais), dous composteiros, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, a fin de que os seus usuarios poidan valorizar a materia orgánica mediante a súa conversión en compost, un abono natural rico en nutrientes e con importantes beneficios para o solo.
Desta forma, a Sociedade Galega do Medio Ambiente quere contribuír a unha actividade medioambiental a través da cal os pequenos e as súas familias aprenden a coidar a natureza, servindo igualmente de aliciente para estimular a sensibilidade e o compromiso coa protección ambiental e propiciar a interactividade entre todas as persoas que participan nesta iniciativa.
SOBRE ASPANEPS
ASPANEPS, entidade social sen ánimo de lucro cuxa área de influencia atópase nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, presta un importante servizo de atención psicosocial á infancia, á familia e a persoas con discapacidade intelectual en ámbitos tales como a saúde mental infanto-xuvenil; psiquiatría e psicoterapia individual, grupal e familiar; atención socioeducativa na área da reeducación, logopedia e integración funcional; integración e autonomía; intervención pre-laboral e desenvolvemento persoal; asesoramento e orientación familiar.
Creada en 1980 a partir da iniciativa duns pais e nais que buscaban atender as necesidades específicas dos seus fillos no ámbito pedagóxico, psicolóxico e social a fin de favorecer un maior grado de benestar persoal e social para estes.
Na actualidade, a Asociación concíbese como un servizo integrado na comunidade, aberto ao conxunto da sociedade, e que serve de referencia tanto ás unidades familiares como ás institucións que teñen que ver coa infancia, mocidade e discapacidade desde o punto de vista da súa atención psicosocial.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación