- Sumados a partidas anteriores, fan un total de 427 recipientes subministrados a este concello pontevedrés por parte da empresa pública.
- A fin de que o proceso se desenvolva con garantías, onte, ás 19:30 horas, técnicos de Sogama impartiron un curso na Casa da Cultura de Ardán, onde se puxeron a disposición dos veciños un cento de recipientes, destinando o resto a outra das parroquias do municipio, Santomé de Piñeiro.
- A formación refórzase coa entrega de manuais de autocompostaxe aos veciños participantes a fin de que poidan coñecer máis detalles da técnica, ademais de solventar dúbidas.
Cerceda, a 5 de marzo de 2020.- O programa de compostaxe doméstica instaurado na localidade pontevedresa de Marín, co apoio de Sogama, avanza a pasos axigantados. Non en van, o concello ten xa unha longa lista de familias que queren acceder a un composteiro para reciclar en orixe os seus residuos orgánicos e participar activamente nunha iniciativa con grandes beneficios.
É por isto que Sogama entregou á localidade marinense 200 novos composteiros que, sumados a partidas anteriores subministradas por esta empresa pública, fan un total de 427 recipientes, posibilitando que igual número de vivendas contribúan, desde o principio de prevención e proximidade, á valorización da fracción orgánica contida nos residuos.
Os composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, propician que os usuarios poidan levar a cabo a técnica con maior comodidade e hixiene.
CURSO PRESENCIAL E MATERIAIS DIDÁCTICOS
Non obstante, e a fin de que o proceso se desenvolva con garantías, onte, ás 19:30 horas, técnicos de Sogama impartiron un curso presencial na Casa da Cultura de Ardán, onde se puxeron a disposición dos veciños un cento de recipientes, destinando o resto a outra das parroquias do municipio, Santomé de Piñeiro.
Ao recuperar os restos orgánicos nos propios fogares, péchase o círculo da súa xestión, toda vez que retornan ao solo en forma de nutrientes, actuando como un excelente abono natural.
Dado que a fracción orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta se xestiona nas propias vivendas, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, supoñendo un gran aforro desde a dimensión ambiental e económica, ademais das conseguintes vantaxes sociais.
A formación reforzarase coa entrega de manuais de autocompostaxe aos veciños participantes, que tamén teñen á súa disposición un sitio web www.compostaconsogama.gal, no que poderán atopar recursos de interese tales como vídeos, contidos online, xogos, etc.
Saúdos, Departamento de Comunicación