- Con esta nova partida, serán preto de 1.400 vivendas dos catro municipios as que participarán no programa de compostaxe doméstica promovido por esta empresa pública.
Cerceda, a 27 de xuño de 2022.- A Sociedade Galega do Medio Ambiente remitiu aos Concellos pontevedreses de Tui, A Guarda, Salvaterra do Miño e Mos un total de 260 compostadores, con capacidade para 400 litros, a fin de que poidan ampliar os seus respectivos programas de compostaxe doméstica a novos fogares. Desta forma, serán 1.374 vivendas as que participarán nesta iniciativa, con grandes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Os fogares que, voluntariamente, decidan adscribirse ao programa, deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o círculo de aproveitamento da materia orgánica, que regresa ao solo en forma de nutriente para dar unha nova vida.
Se ben o composteiro entregado por Sogama propicia que o proceso de fermentación dos residuos orgánicos se leve a cabo de forma hixiénica, cómoda e eficiente, o certo é que esta operativa non é nova, senón que retoma unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
FORMACIÓN E SEGUIMENTO
Tal e como viñeron facendo ata o de agora, os entes locais deberán realizar un seguimento desta nova fase do programa, remitindo a Sogama os datos máis relevantes a fin de que a empresa pública, e dentro da súa área de competencias, poida introducir as medidas necesarias para reaxustar a dinámica a seguir. Con todo, a poboación, ao estar familiarizada co aproveitamento da materia orgánica, adoita participar neste programa de forma exitosa.
Coa pretensión de que os concellos poidan obter uns resultados satisfactorios, Sogama proporciónalles os medios didácticos e divulgativos necesarios para que os usuarios obteñan un compost de alta calidade, que cumpra os requisitos esixidos pola lexislación vixente e que poida ser aplicado na agricultura e xardinería con todas as garantías e sen restricións.
A compañía pon ao dispor da veciñanza, a través dos entes locais, manuais de apoio nos que se describe o proceso a desenvolver: desde a propia localización do composteiro, que debe colocarse nunha zona sombreada, protexido das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben –e non deben- ser depositados no mesmo, sen esquecer o necesario control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, que influirán en boa medida no `produto final.
Así mesmo, os interesados teñen á súa disposición un sitio web www.compostaconsogama.gal co que poderán complementar os seus coñecementos na valorización da materia orgánica a través da súa autocompostaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación