- Son medio cento en cada caso, co obxectivo de que ámbolos dous entes locais poidan estender a autoxestión da materia orgánica e, polo tanto, os seus beneficios, a novos fogares
Cerceda, a 17 de abril de 2024.- A petición dos Concellos ourensáns de Allariz e O Carballiño, Sogama remitiu a cada un 50 composteiros co fin de que poidan ampliar os seus respectivos programas de compostaxe doméstica a outras tantas vivendas. Condición indispensable é que estas sexan unifamiliares e dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que poder aplicar o compost resultante, pechando desta forma o ciclo de aproveitamento da materia orgánica no propio fogar.
No caso de Allariz, coa nova dotación, serán 186 os recipientes entregados por Sogama ao ente local e, no Carballiño, serán 229, tendo en conta que os 179 anteriores foron subministrados no seu momento no marco de sucesivos convenios subscritos entre a Deputación Provincial de Ourense e esta empresa pública.
Recursos de apoio
No microsite https://www.sogama.gal/compostaxe/gl/, os interesados poden complementar os seus coñecementos sobre a autoxestión da materia orgánica, xa que se explica toda a operativa: desde a propia localización do composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferentemente baixo unha árbore de folla caduca, e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo.
Tamén se proporcionan instrucións sobre como facer unha mestura correcta entre fracción húmida e seca, incidindo no necesario control de parámetros tales como o osíxeno, a humidade e a temperatura.
A pretensión última é que o abono resultante cumpra con todos os requisitos establecidos pola normativa vixente e que, en consecuencia, poida utilizarse na agricultura e xardinería coas máximas garantías e sen restricións. Así mesmo, dáse resposta ás preguntas máis frecuentes e aos erros máis comúns.
Beneficios
Abúndase igualmente nas vantaxes que reporta a compostaxe doméstica desde a dimensión ambiental, económica e social, xa que ao valorizar a materia orgánica en orixe, evítase o seu depósito no contedor da rúa, disminuíndo a cantidade de refugallos que deben ser tratados en planta industrial.
Así mesmo, evítase a compra de fertilizantes artificiais por parte do usuario, que obtén o seu propio, e tamén se mellora a recollida selectiva do resto das fraccións de residuos, contribuíndo a unha maior reciclaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación