- Tamén remitiu ao ente local manuais didácticos de apoio para repartir entre os veciños participantes e nos que se detalla a técnica a aplicar para obter un compost de alta calidade
- A empresa pública púxose ao dispor do ente local para impartir un curso de formación presencial a fin de explicar aos usuarios todas as fases do proceso e resolver dúbidas
- Do mesmo xeito que fixo no seu momento, o Concello será o encargado de realizar un seguimento da iniciativa, que deberá plasmar no correspondente informe anual
Cerceda, a 13 de decembro de 2022.- Sogama, a petición do Concello de Vimianzo, entregou nesta localidade coruñesa unha nova partida de 25 composteiros que, sumadas a outras anteriores subministradas desde o ano 2020, fan un total de 197 os recipientes cedidos ao ente local para propiciar a autoxestión da materia orgánica noutras tantas vivendas unifamiliares. É necesario que estas dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante a fin de pechar o ciclo de recuperación dos residuos orgánicos, transformándoos nun abono natural de alta calidade que achega nutrientes ao solo, ademais de preservalo fronte a pragas e enfermidades.
A compostaxe doméstica configúrase así como un proceso a través do cal se recupera unha práctica tradicional no rural galego como é a separación dos restos orgánicos para alimento do gando e/o elaboración de compost, pero dunha forma moderna, hixiénica e cómoda posibilitada polo composteiro, con capacidade para 390-400 litros.
FORMACIÓN E SEGUIMENTO
Así mesmo, Sogama remitiu ao Concello manuais didácticos de apoio para repartir entre os veciños participantes e nos que se detalla a técnica a seguir, ademais de dar resposta ás preguntas máis frecuentes e resolver os erros máis comúns.
Adicionalmente, a empresa pública púxose ao dispor do Concello para impartir un curso de formación presencial e explicar aos usuarios todas as fases do proceso: desde a propia localización do composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben -e non deben- introducirse no mesmo, ademais do control de parámetros que, en boa medida, condicionarán o resultado final, como é o caso do osíxeno, a temperatura e a humidade.
O propio ente local será o encargado de facer un seguimento da iniciativa e entregar a Sogama, transcorrido un ano, un informe no que se reflicta o traballo realizado e se acredite a supervisión do programa, tal e como realizou no seu momento, e con gran dilixencia, respecto das partidas de composteiros entregadas en etapas anteriores.
Saúdos, Departamento de Comunicación