- Inaugurou esta conta facéndose eco da súa campaña “A reciclaxe é #Trending Topic na nosa terra”, a través da cal pretende conectar cos mozos e invitalos a participar activamente na xestión sostible dos residuos urbanos.
- A empresa pública confía no bo facer das novas xeracións e na súa capacidade de influencia para mudar hábitos e instaurar a cultura medioambiental en toda a súa amplitude.
Cerceda, a 27 de maio de 2020.- Máis aló do programa de visitas ás súas instalacións e a organización de accións formativas, tanto presenciais como virtuais, dirixidas a centros de distintos niveis educativos, Sogama acábase de estrear en Instagram a fin de conectar cos mozos e invitalos a participar activamente na xestión sostible dos residuos urbanos como fórmula coa que contribuír a ter un presente saudable e un futuro sostible.
Co perfil @canleverde, a empresa pública inaugurou esta conta facéndose eco da súa campaña “A reciclaxe é #Trending Topic na nosa terra”, conformada por microvídeos , imaxes e gifs a través dos cales pon en valor, utilizando a linguaxe propia dos nativos dixitais, o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), á vez que concreta os materiais que deben depositarse en cada un dos contedores de recollida selectiva para garantir o seu posterior reciclado.
Así mesmo, aplaude ese movemento social ao que se están sumando moitos mozos e que consiste en organizar xornadas de limpeza de espazos naturais para evidenciar as condutas incívicas dalgunhas persoas, pero tamén as boas prácticas de moitas outras.
A compañía confía no bo facer das novas xeracións e na súa capacidade de influencia para mudar hábitos e instaurar a cultura medioambiental en toda a súa amplitude.
Sogama tamén está presente noutras redes sociais tales como Linkedin, Facebook e Twitter. Nesta dúas últimas baixo o lema “Por unha Galicia sostible, educación ambiental Sogama”.
Saúdos, Departamento de Comunicación