
- No seu firme compromiso coa reciclaxe e a conversión de residuos en recursos, o obxectivo da empresa é dar unha segunda vida aos áridos das escouras resultantes do proceso de valorización enerxética
- Desta forma, pretende avanzar cara á consecución de fin de condición de residuo para as mesmas e transformalo nun recurso
Cerceda, a 14 de marzo de 2025.- Sogama vén de licitar, por un importe próximo aos 120.000 euros, a contratación dun estudo sobre o uso, a escala real, de mesturas de áridos de escouras resultantes do proceso de valorización enerxética dos residuos non reciclables e áridos naturais para o seu posterior uso como capas de zahorra en firmes de estradas. Con isto, a empresa pretende validar a idoneidade desta mestura e avanzar así na consecución da condición de fin de residuo para este material, dando lugar a un produto con posteriores aplicacións na obra civil.
Os traballos a realizar contemplan a caracterización dos áridos, así como a separación de elementos impropios nunha planta de valorización externa. A mestura obtida (áridos de escoura e naturais) será madurada nas instalacións do Complexo Medioammbiental de Sogama, en Cerceda, durante 3 meses.
As escouras son refugallos non perigosos que non combustionan (cerámicas, terras, obxectos metálicos, etc) e que Sogama dispón nun depósito controlado.
No seu firme compromiso coa reciclaxe e a conversión de residuos en recursos, a compañía quere dar unha segunda vida aos áridos das escouras, especialmente en sectores cun gran consumo enerxético e de recursos naturais, limitando así a extracción dos mesmos.
O contrato terá unha duración de 2 anos e inclúe unha prórroga doutro ano máis, que non afecta o prezo, para finalizar aqueles traballos que se demoraron por causas alleas ao adxudicatario.
Saúdos, Departamento de Comunicación