- Enmarcado no Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles, terá lugar os días 26 e 27 marzo en Cambados e, o 28, en Sanxenxo.
- Baixo o título “Transformando residuos en recursos”, Sogama dará a coñecer os pormenores do seu proxecto estrela, a ampliación do complexo medioambiental de Cerceda, que culminará a mediados deste mesmo ano, converténdose esta infraestrutura na máis moderna e innovadora de Europa, ademais de referente a nivel mundial.
- Así mesmo, dará conta da súa firme aposta pola compostaxe, tanto industrial como doméstica, tendo repartido neste último caso preto de 10.000 composteiros entre concellos, centros educativos e colectivos sociais.
Cerceda, a 22 de marzo de 2019.- Representantes de Sogama participarán a próxima semana no VIII Congreso de Medio Ambiente, Saúde e Turismo que se celebrará no Salnés, concretamente nas localidades de Cambados e Sanxenxo.
Enmarcado no programa galego de Municipios Saudables e Sostibles, que dirixe o Prof. Dr. Francisco Pena Castiñeira, a intervención de Sogama terá lugar na segunda sesión plenaria, que leva por lema “O futuro do medio ambiente en mans da economía circular: sostibilidade para todos”, e na que intervirán distintas entidades pertencentes ao sector dos residuos e tratamento de augas.
PROXECTO DE AMPLIACIÓN: UN ANTES E UN DESPOIS
Baixo o título “Transformando residuos en recursos”, Sogama dará a coñecer os pormenores do seu proxecto estrela, a ampliación do complexo medioambiental de Cerceda, cuxa primeira fase xa foi culminada en novembro do pasado ano coa posta en marcha dunha nova planta para a recuperación de materiais contidos na bolsa negra. En liña coa emerxente industria 4.0, esta instalación consegue separar, con tecnoloxías de última xeración, ata 11 tipoloxías de residuos, que remite á industria transformadora para a súa conversión en novos produtos.
Desde o pasado mes de xaneiro, a compañía atópase inmersa na segunda fase da ampliación, que consiste na remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. Así as cousas, a mediados deste mesmo ano, a Sociedade Galega do Medio Ambiente porá o peche a un ambicioso proxecto ao que destina un investimento de 29 millóns de euros e que permitirá incrementar a capacidade de tratamento do complexo cercedense nun 81%, pasando das 550.000 toneladas anuais a 1.000.000, ademais de aumentar as taxas de reciclado e reducir o vertido a mínimos, prevendo chegar en 2020 ao vertido técnico cero, obxectivo do Parlamento Europeo para o ano 2035 e aplicable ao conxunto dos Estados membros.
COMPOSTAXE: AGORA E NO FUTURO
A empresa tamén dará conta do seu plan de acción no ámbito da compostaxe, tanto industrial como doméstica. Respecto do primeiro, xa conta cunha planta, que entrará en operación cando os concellos máis próximos implanten a recollida selectiva da fracción orgánica dos residuos a través do quinto contedor.
En relación á compostaxe doméstica, a día de hoxe máis de 290 entidades atópanse adheridas a este programa, tendo repartido entre as mesmas preto de 10.000 composteiros. Non obstante, a colaboración de Sogama non se limita unicamente á dotación de medios materiais, senón tamén didácticos, encargándose igualmente de impartir cursos de formación presencial dirixidos aos usuarios, debendo encargarse os concellos dos labores de control e seguimento.
Así mesmo, e co fin de contribuír a poñer en valor a materia orgánica, participa, en calidade de socio e xunto coa USC e a firma galega CVAN, nun proxecto europeo de cooperación transfronteiriza financiado polo programa Interreg e que lidera a Universidade do Minho.
A entidade tamén dará a coñecer os seus programas educativos, entre os que cabe destacar o de visitas guiadas ás súas instalacións, polo que pasaron máis de 75.000 persoas, e “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, no que participan 25 centros de educación primaria de distintos puntos de Galicia.
Saúdos, Departamento de Comunicación