- Un técnico desprazarase mañá a este concello coruñés para impartir unha sesión formativa, que terá lugar, ás 11:00 horas, na Biblioteca Municipal.
- A día de hoxe, xa son 111 os composteiros entregados pola empresa pública a este municipio.
Cerceda, a 18 de xuño de 2021.- Un técnico ao servizo de Sogama desprazarase mañá, sábado, ao concello de Miño (A Coruña) para impartir un curso de formación sobre compostaxe doméstica. Estará orientado aos veciños que, voluntariamente, decidiron participar nesta iniciativa e que habiten en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante.
A sesión terá lugar ás 11:00 horas, na Biblioteca Municipal, e o obxectivo da mesma é explicar aos asistentes as vantaxes ambientais, económicas e sociais asociadas á autoxestión da materia orgánica, así como a técnica a aplicar para obter un compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos necesarios para ser aplicado ao solo con garantías e sen restricións.
Desta forma, detallarase o proceso para seguir en toda a súa amplitude: desde a propia ubicación do composteiro, que debe estar en contacto coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, así como o control de parámetros considerados esenciais: osíxeno, temperatura e humidade.
Co obxectivo de afianzar coñecementos e despexar dúbidas, os participantes tamén recibirán, de mans de Sogama, un manual didáctico de consulta, tendo a oportunidade de complementar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal
Recentemente, a empresa pública entregou ao ente local 50 composteiros (de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables) que, sumados a partidas anteriores, fan un total de 111, o que significa que máis dun cento de fogares xa están valorizando in situ a materia orgánica xerada nos mesmos.
Saúdos, Departamento de Comunicación