- A empresa subministrou ao concello 150 composteiros de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
- A xornada terá lugar mañá, 21 de xullo, ás 17:00 horas no Centro Tecnolóxico do Polígono Industrial de O Acevedo.
- Alí explicarase aos asistentes a operativa a seguir para obter un compost de calidade que poida ser aplicado ao solo con garantías.
Cerceda, a 20 de xullo de 2020.- Trala adhesión do concello de Cerceda (A Coruña) ao programa de compostaxe doméstica de Sogama con 150 vivendas unifamiliares, persoal desta empresa pública impartirá mañá, 21 de xullo, un curso de formación presencial dirixido aos veciños que, voluntariamente, decidiron formar parte desta iniciativa.
A xornada terá lugar no Centro Tecnolóxico, sito no Polígono Industrial de O Acevedo, ás 17:00 horas. Alí, un biólogo explicará de forma detallada a técnica de autocompostaxe e a operativa a levar a cabo nos fogares para obter un compost de calidade que cumpra con todos os requisitos esixidos pola normativa vixente para aplicalo ao solo con garantías. Neste sentido, cabe recordar que o abono resultante actúa como nutriente e ata protexe ás plantas e cultivos fronte a pragas e enfermidades.
No transcurso da sesión dará conta de todos os pasos a seguir: desde a propia ubicación do composteiro (de 390 litros de capacidade e fabricado con materiais reciclados e reciclables), que debe estar nunha zona sombreada e protexida, así como en contacto coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata a relación de residuos que poden e non poden depositarse no mesmo, o axeitado equilibrio entre material seco e húmido, así como o control de parámetros claves tales como osíxeno, temperatura e humidade.
En días pasados, o concello encargouse de entregar unha parte do composteiros cedidos por Sogama a outras tantas familias, xunto cuns manuais didácticos de apoio nos que poden consultar dúbidas e complementar coñecementos.
O QUINTO CONTEDOR, XA NAS RÚAS
A fin de dar debido cumprimento ás directrices europeas no ámbito da reciclaxe, Cerceda implantou en zonas urbanas concretas o quinto contedor, de cor marrón, destinado a acoller a materia orgánica recollida selectivamente, que entregará na planta de compostaxe industrial de Sogama para propiciar a súa posterior conversión en compost.
Con ambas modalidades de compostaxe (doméstica e industrial), o municipio no que se asenta o groso da infraestrutura industrial de Sogama pretende incrementar as súas taxas de reciclaxe e avanzar con garantías cara a un modelo de desenvolvemento baseado na economía circular.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación