- O curso terá lugar o vindeiro luns, 21 de outubro, no Centro Social Abanqueiro, ás 19:00 h.
- A xornada enmárcase no acordo de adhesión do concello de Boiro ao programa de compostaxe doméstica impulsado por esta empresa pública, que entregou ao ente local 30 composteiros para ser distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares.
- Técnicos de Sogama explicarán aos asistentes os pormenores da compostaxe, detallarán a técnica a seguir para obter un abono de alta calidade e darán conta dos beneficios deste tratamento para a materia orgánica.
Cerceda, a 18 de outubro de 2019.- Trala adhesión do concello de Boiro (A Coruña) ao programa de compostaxe doméstico de Sogama, veciños do municipio están invitados a participar o vindeiro luns, 21 de outubro, nun curso de formación presencial impartido por técnicos desta empresa pública no que se explicarán os pormenores da autocompostaxe.
A cita será no Centro Social Abanqueiro, ás 19:00 horas, e estará dirixida fundamentalmente ás 30 familias que participarán na primeira fase desta iniciativa e que, en todo caso, deben habitar en vivendas unifamiliares con terreo (horto ou xardín) no que aplicar o compost resultante.
A xornada será aproveitada polo ente local para entregar aos participantes outros tantos composteiros, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que permitirán desenvolver a técnica dunha forma máis cómoda e hixiénica.
Apoiados con distintos recursos didácticos e divulgativos, os monitores de Sogama explicarán o proceso a seguir: desde a propia ubicación do composteiro, que debe estar en contacto coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, así coma o control de parámetros de gran importancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. O obxectivo último é que os usuarios poidan obter un compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos que esixe a normativa e que poida ser aplicado con plenas garantías.
Dado que, na composición media dunha bolsa de lixo tipo, a materia orgánica representa o 42%, se esta se recicla no propio fogar, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, contribuíndo así a un importante aforro ambiental e económico, sen esquecer a súa dimensión social, xa que se recupera unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Igualmente, o curso permitirá aos asistentes ampliar coñecementos e consultar dúbidas.
Toda a información sobre o programa de compostaxe doméstica en www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación