- A empresa pública respondeu así á chamada de diversos concellos, centros educativos e outros colectivos sociais para que, a través de distintas accións, se instruíse a distintos públicos na xestión sostible dos residuos municipais
- O consumo responsable, a prevención, a redución da produción de residuos e a correcta recollida selectiva, incluíndo a compostaxe doméstica e industrial, foron as principais temáticas abordadas
- Ademais, e coa pretensión de axudar aos interesados a resolver as súas dúbidas sobre reciclaxe en tempo real, a empresa dispón dun buscador de residuos https://ondevai.sogama.gal/ga no que se indica o recipiente de destino, proporcionando explicacións adicionais
Cerceda, a 9 de setembro de 2024.- A Sociedade Galega de Medio Ambiente formou, a través de sesións presenciais impartidas polos seus educadores en distintos municipios das catro provincias, a máis de 5.000 persoas durante o primeiro semestre do ano en curso.
A empresa pública respondeu así á chamada de diversos concellos, centros educativos e outros colectivos sociais para que, a través de accións tales como charlas, cursos e talleres, se instruíse a distintos públicos na xestión sostible dos residuos municipais.
Compostaxe doméstica e industrial
Nuns casos, as sesións dirixíronse a veciños de localidades, tanto grandes como pequenas, que apostaron por poñer en valor a materia orgánica producida nos fogares, ben a través da compostaxe doméstica, ben a través do contedor marrón, ou ben a través dunha combinación de ambos os dous sistemas.
En todos os escenarios, explicouse as bondades da valorización da materia orgánica desde o punto de vista ambiental, económico e social, así coma os procesos a levar a cabo en cada modalidade e a operativa a seguir.
Neste sentido, cabe lembrar que a autocompostaxe céntrase na xestión dos restos orgánicos na propia vivenda, sendo necesario que os participantes dispoñan de terreo no que colocar o composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, correspondendo tamén aos usuarios controlar parámetros de gran relevancia tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade, ademais de garantir que a mestura garde un equilibrio entre material seco e húmido. Desta forma, poderán obter un compost de alta calidade que logo aplicarán nas súas hortas ou xardíns para fertilizar plantas e cultivos.
Na compostaxe industrial, o cidadán debe depositar a fracción orgánica no contedor marrón habilitado nas rúas, que, unha vez recollido por parte dos servizos municipais, lévase directamente a unha das catro plantas de compostaxe provinciais coas que conta a empresa pública ou, se o municipio está afastado das mesmas, transpórtase a unha das 13 plantas de transferencia integradas na rede e que contan cunha tolva específica para o transvasamento do residuo orgánico, que inmediatamente é trasladado á planta de tratamento máis próxima para a súa transformación en compost.
Recollida selectiva de calidade
Igualmente, estas formacións tamén se orientaron a mellorar as competencias dos cidadáns na recollida selectiva, polo descoñecemento e as dúbidas que cada día xorden en torno ao contedor habilitado para determinados refugallos, insistindo en que o contedor amarelo acolle os envases de plástico, as latas e os briks; o azul, o papel e cartón; o iglú verde, os envases de vidro; o contedor marrón, a materia orgánica; e o xenérico, a fracción resto.
Ademais, e coa pretensión de axudar aos interesados a resolver as súas dúbidas en tempo real, Sogama dispón dun buscador de residuos https://ondevai.sogama.gal/ga que, máis aló de indicar o recipiente de destino, proporciona explicacións adicionais e complementarias.
No ámbito escolar, o sistema de selección de residuos en orixe continúa a ser a temática sobre a que existe maior preocupación, aínda que os centros tamén son conscientes da importancia que ten instruír ao alumnado na prevención e a redución da produción, o consumo consciente e responsable, e o máximo aproveitamento dos produtos a través da reutilización.
Saúdos, Departamento de Comunicación