- O obxectivo do programa de charlas externas é atender in situ a colectivos que, dadas as súas características e situación xeográfica, non poden visitar o Complexo cercedense
- Nuns casos, as sesións centráronse en explicar a problemática inherente á elevada produción de residuos e como minimizalos; noutros, a prioridade residía na reciclaxe, e noutros moitos, na compostaxe doméstica
Cerceda, a 15 de xaneiro de 2025.- Técnicos de Sogama desprazáronse o ano pasado a diversas localidades galegas para impartir sesións presenciais ás que asistiron preto de 5.300 persoas.
O obxectivo deste programa educativo de charlas externas é atender in situ a colectivos que, dadas as súas características e situación xeográfica, non poden visitar o Complexo Medioambiental de Cerceda, dispensándolles a formación necesaria para que poidan levar a cabo unha correcta xestión dos residuos que producen cada día a través da práctica dos tres erres: redución, reutilización e reciclaxe.
Intereses e prioridades
Nuns casos, as charlas centráronse en explicar a problemática inherente á elevada produción de residuos e como minimizalos a través do consumo responsable e o alongamento da vida útil dos produtos. Noutros, a prioridade dos grupos atendidos residía na reciclaxe e pedían que se clarificasen os refugallos que deben e non deben depositarse en cada contedor a fin de contribuír a incrementar as taxas de reciclaxe e cumprir así cos esixentes obxectivos europeos na materia para os próximos anos.
A compostaxe doméstica foi outra das temáticas que concentrou gran interese por parte dos concellos, xa que constitúe unha magnífica fórmula coa que xestionar a materia orgánica en orixe, toda vez que se converte nun recurso (abono natural) que regresa á terra para dar unha nova vida conforme aos principios da economía circular.
Así mesmo, a implantación do contedor marrón, obrigatoria por lei para os concellos dende o 31 de xaneiro de 2023, trouxo consigo unha alta preocupación por parte de determinados consistorios para que os seus veciños interiorizasen a relación de residuos orgánicos a introducir neste recipiente e o seu proceso de tratamento na rede de infraestruturas habilitada por Sogama: catro plantas de biorresiduos (Cervo-Lugo, Cerceda-A Coruña, Vilanova de Arousa-Pontevedra, e Verín-Ourense), apoiadas por 13 plantas de transferencia que dispoñen dunha tolva específica para o transvasamento dos restos orgánicos.
O obxectivo desta rede é que a práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama (295) dispoñan dunha planta de compostaxe ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Noutros ámbitos, o interese residía na propia actividade de Sogama e a súa operativa, xa que querían comprobar o resultado do seu esforzo no fogar e como esta empresa pública pon en valor os residuos a través da súa compostaxe e reciclaxe, ou ben a través da recuperación enerxética da parte non reciclable.
En 2025, Sogama dará continuidade a este programa externo co que persegue formar e concienciar á cidadanía a fin de dotala das ferramentas necesarias para pasar á acción.
Saúdos, Departamento de Comunicación