- Terá lugar mañá, 28 de febreiro, ás 19.00 horas, na Casa do Concello.
- Á mesma están invitados os veciños do municipio, que serán instruídos nas boas prácticas vinculadas ao principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), prestando especial atención á compostaxe doméstica.
- A sesión tamén será aproveitada para repartir, por parte do goberno local, unha nova partida de 70 composteiros ás familias que formalizaron no seu momento a solicitude dos mesmos.
- Desta forma serán 100 as vivendas do concello que participarán no programa de autocompostaxe, con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Cerceda, a 27 de febreiro de 2018.- Educadores de Sogama desprazaranse mañá á localidade coruñesa de Boqueixón para impartir unha xornada formativa sobre xestión sostible de residuos urbanos dirixida aos veciños. Terá lugar ás 19:00 horas, na Casa do Concello, e na mesma abordaranse as boas prácticas vinculadas ao principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), á vez que se abundará nos pormenores da compostaxe doméstica.
O encontro será aproveitado para repartir os 70 novos composteiros (de 350 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables) que Sogama entregou recentemente ao concello co fin de que a técnica de autocompostaxe poida estenderse a novas vivendas que dispoñan de terreo (horta ou xardín) no que aplicar o compost resultante.
Os participantes nesta iniciativa contarán tamén cun manual didáctico de apoio que lles servirá de axuda para coñecer con máis precisión a técnica e subsanar os erros máis frecuentes. Non obstante, a xornada de mañá constituirá, por riba de todo, unha oportunidade para que os veciños poidan consultar todas as súas dúbidas, tanto respecto da segregación de residuos en orixe e posterior depósito nos contedores correspondentes, como en relación á propia compostaxe da materia orgánica e aplicacións do abono obtido.
Así mesmo, os monitores incidirán na necesidade de consumir de forma responsable para reducir a cantidade de lixo producida cada día e en aproveitar ao máximo os produtos para alargar a súa vida útil, chamando a atención sobre unha problemática de máxima actualidade como é o desperdicio alimentario, toda vez que no mundo refúgase un terzo da comida que se produce para o consumo humano; un fenómeno cun negativo impacto ambiental, económico, social e tamén moral.
Comprar só o que se necesite, diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente, ordenar a despensa e a neveira, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras constitúen xestos prioritarios a complementar coa compostaxe dos residuos alimentarios e restos vexetais.
Persoal do concello fará un seguimento do proxecto visitando periodicamente os fogares participantes para comprobar a correcta aplicación da técnica e disipar dúbidas.
Coa ampliación desta iniciativa, 100 familias de Boqueixón poderán converter os seus residuos orgánicos en compost, contribuíndo con isto a alcanzar importantes beneficios ambientais, económicos e sociais, sendo un dos máis importantes a diminución da cantidade de lixo a depositar nos contedores verdes xenéricos.
Saúdos, Departamento de Comunicación