- Terá lugar o próximo luns, 1 de abril, ás 19:00 horas, na salón de conferencias da antiga biblioteca municipal.
- Cabe recordar que o concello de Burela está adscrito ao programa de compostaxe doméstica de Sogama desde fai anos, contando xa con 155 composteiros en funcionamento.
- Con esta iniciativa, o concello pretende alcanzar importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Cerceda, a 29 de marzo de 2019.- Técnicos da Sociedade Galega do Medio Ambiente impartirán en Burela un novo curso de formación en materia de compostaxe doméstica. Terá lugar o vindeiro luns, 1 de abril, ás 19:00 horas, no salón de conferencias da antiga biblioteca municipal.
O obxectivo da actividade é trasladar ao auditorio os pormenores da técnica de autocompostaxe e solventar todas as dúbidas que estes poidan presentar.
Cabe recordar que o concello de Burela está adscrito ao programa de compostaxe doméstica de Sogama desde fai anos, contando xa con 155 composteiros en funcionamento subministrados por esta empresa pública. En todos os casos esíxese que as vivendas participantes sexan unifamiliares e que dispoñan de terreo (xardín ou horta) no que aplicar o compost resultante.
Dado que a materia orgánica xerada nos fogares representa o 42% do lixo producido nos mesmos, se esta porcentaxe se xestiona en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, conseguindo con isto importantes beneficios.
Desde a dimensión ambiental, propíciase unha redución da frecuencia da recollida deste recipiente e, polo tanto, do transporte de lixo por parte dos servizos municipais, diminuíndo as emisións de CO2 á atmosfera. Posibilítase igualmente un aforro económico, xa que, ao entregar menos cantidade de residuos a Sogama, o importe da factura a abonar a esta empresa pública tamén será menor. E desde a perspectiva social, recupérase unha práctica que forma xa da tradición do rural galego, como é a segregación da materia orgánica para alimento do gando ou elaboración de compost.
A todo isto habería que engadir que, ao reciclar os restos orgánicos na propia vivenda, diminúe o número de desprazamentos que a veciñanza debe realizar aos contedores de recollida selectiva, xa que materiais como os envases lixeiros, o vidro e o papel/cartón poden almacenarse varios días nas casas sen risco de cheiros.
A fin de complementar a formación dos veciños participantes, Sogama conta cunha páxina web específica na que os interesados poderán atopar distintos recursos didácticos e divulgativos de apoio: www.compostaconsogama.gal
Se ben a compañía puxo a disposición do concello os medios, é o persoal do ente local o encargado de facer o seguimento da iniciativa con inspeccións periódicas a fin de corrixir erros e despexar dúbidas formuladas polos veciños adscritos a esta iniciativa.
Saúdos, Departamento de Comunicación