- O primeiro terá lugar esta mesma tarde, ao que seguirán tres máis (días 11, 12 e 13 de marzo), estando destinados ás familias que participarán nesta iniciativa.
- O pasado mes, a empresa pública entregou ao ente local un total de 350 composteiros para que sexan distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante.
- O obxectivo destas sesións non é outro que explicar aos usuarios os pormenores da técnica de autocompostaxe co fin de que obteñan un compost de alta calidade.
- Dado que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta se recupera en orixe, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, cos conseguintes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Cerceda, a 9 de marzo de 2020.- Trala adhesión do concello de A Estrada (Pontevedra) ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, no marco do cal a empresa pública xa entregou ao ente local un total de 350 composteiros para que sexan distribuídos entre outras tantas vivendas, técnicos da Sociedade Galega do Medio Ambiente impartirán varios cursos de formación presenciais destinados ás familias participantes. O primeiro deles terá lugar esta mesma tarde e seguiranlle outros tres que se celebrarán os días 11, 12 e 13 de marzo.
O obxectivo destas sesións non é outro que explicar aos usuarios os pormenores da técnica de autocompostaxe co fin de que obteñan un compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos impostos pola normativa vixente para ser aplicado ao solo con garantías e sen restricións.
É por isto que as vivendas nas que serán subministrados os composteiros deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que utilizar o abono resultante do proceso, absolutamente natural e con excelentes propiedades fertilizantes para o solo, servindo tamén de barreira fronte a posibles pragas e enfermidades.
RECURSOS DIDÁCTICOS DE REFORZO
Apoiados por diferentes recursos didácticos, os técnicos de Sogama explicarán, dunha forma asequible, os pasos a seguir para a elaboración de compost: desde a propia localización do composteiro, que debe estar nunha zona sombreada e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben ser depositados no mesmo, así como o control de parámetros de gran relevancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Os usuarios recibirán igualmente un manual de consulta para ampliar información e consultar dúbidas, tendo tamén a súa disposición un sitio web específico: www.compostaconsogama.gal
CÓMODO, HIXIÉNICO E CON MÚLTIPLES VANTAXES
Os composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, contribúen a facer máis cómodo e hixiénico o proceso, permitindo recuperar unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Dado que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo doméstico tipo, se esta se recupera en orixe, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, cos conseguintes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Un total de 100 entidades da provincia de Pontevedra (entre concellos, centros educativos e colectivos sociais) están adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, repartindo entre as mesmas preto de 5.000 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación