- Terá lugar mañá, ás 20.30 horas, no salón de actos da Casa do Concello.
- Persoal da entidade pública explicará, de forma pormenorizada, a técnica a seguir a fin de obter, a partir da materia orgánica, un compost de calidade.
- A empresa xa subministrou ao ente local 25 novos composteiros que, sumados aos entregados en anos anteriores, fan un total de 122.
Cerceda, a 6 de maio de 2019.- Técnicos de Sogama viaxarán mañá ao municipio de Lourenzá (Lugo) para impartir unha charla formativa sobre valorización da materia orgánica e que se enmarca no programa de compostaxe doméstica implantado anos atrás por este concello da man da empresa pública.
A sesión terá lugar, ás 20:30 horas, no salón de actos da Casa do Concello e servirá, non só para trasladar as nocións básicas da reciclaxe dos residuos orgánicos, senón tamén para resolver dúbidas e transmitir o procedemento a levar a cabo para obter un abono natural de calidade e apto para ser aplicado na agricultura.
Ademais de asumir as actividades de formación, Sogama xa proporcionou ao concello 25 novos composteiros, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, así como outros tantos manuais didácticos de apoio a repartir entre os usuarios e que lles servirán para guiar e orientar a técnica a seguir.
Desta forma, Lourenzá pasará a ter 122 fogares incorporados a esta iniciativa, que contribuirán en boa medida á reciclaxe dos restos orgánicos e, polo tanto, a alcanzar importantes beneficios ambientais, económicos e sociais derivados desta técnica.
Desde o punto de vista ambiental porque se reduce o depósito de lixo nos contedores verdes convencionais. Isto é debido a que a materia orgánica representa ao redor do 42% do contido dunha bolsa de lixo tipo, polo que, se esta porcentaxe se recicla en orixe, non é necesario realizar continuos desprazamentos ao recipiente verde, coa particularidade de que os servizos municipais de recollida tamén poderán minorar a frecuencia de recollida e transporte dos residuos, véndose reducidas as emisións de CO2 á atmosfera. Adicionalmente, cabería destacar que, ao diminuír a cantidade de refugallos entregados a Sogama, o importe da factura a pagar á entidade pública por parte do concello tamén sería menor.
O seguimento do programa, así como as visitas porta a porta en cada unha das vivendas participantes, corresponde ao persoal do ente local. O obxectivo é comprobar in situ a técnica aplicada polos veciños, despexar dúbidas e solventar posibles erros.
Ademais, os interesados teñen á súa disposición unha páxina web específica www.compostaconsogama.gal, a través da cal poderán acceder a toda a información sobre esta iniciativa e ata a recursos complementarios como vídeos, xogos e contidos online.
Saúdos, Departamento de Comunicación