- Terá lugar mañá, sábado, ás 11:00 horas, no Centro Cultural Melga, onde un técnico desta empresa pública explicará aos asistentes o proceso completo de autocompostaxe: desde a localización do composteiro ata a obtención do abono resultante.
- Sogama entregou a Ponteceso, en dúas fases, un total de 80 composteiros con capacidade para 390-400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
Cerceda, a 17 de setembro de 2021.- Un técnico de Sogama desprazarase mañá, sábado, a Ponteceso para impartir un curso presencial sobre compostaxe doméstica a fin de que os veciños deste concello coruñés conten coa formación necesaria para elaborar nas súas casas un compost de alta calidade.
A sesión terá lugar, ás 11:00 horas, no Centro Cultural Melga e o obxectivo da mesma é explicar aos asistentes o proceso completo de autocompostaxe: desde a colocación do composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben –e non deben- depositarse no mesmo, control de parámetros tales como osíxeno, temperatura e humidade, e beneficios para o solo, xa que o abono obtido, non só lle achega nutrientes, senón que mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades.
Sogama entregou a Ponteceso, en dúas fases, un total de 80 composteiros con capacidade para 390-400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables. A vantaxe destes recipientes é que propician un proceso máis eficiente, cómodo e hixiénico.
Os veciños que voluntariamente participen nesta iniciativa, deben habitar en vivendas unifamiliares que conten con terreo (xardín, horta ou terras de cultivo) no que aplicar o abono resultante, pechando así o círculo de aproveitamento da materia orgánica para darlle unha nova vida.
Con cada composteiro entregarase aos usuarios un manual didáctico a fin de que lles sirva de guía, dando contestación no mesmo ás preguntas e dúbidas máis frecuentes. Ademais, os interesados dispoñen dunha páxina web específica www.compostaconsogama.gal, a través da cal terán a oportunidade de complementar coñecementos e acceder a recursos divulgativos.
O QUINTO CONTEDOR CHAMA Á PORTA
Así mesmo, a empresa pública lembra que, antes do 31 de decembro de 2023, os concellos deben ter implantada a recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón co fin de tratala na correspondente planta de compostaxe.
Carballo, Laracha e Cerceda xa o fixeron. Sogama confía en que, aos poucos, se vaian sumando o resto dos entes locais, dando debido cumprimento ás esixencias establecidas pola Unión Europea.
Saúdos, Departamento de Comunicación