- Orientada a persoas adultas, a aula, promovida polo propio Concello, está emprazada no mercado municipal, sendo o seu obxectivo dar resposta a temáticas de interese tales como o consumo, a saúde e o medio ambiente
- No transcurso da sesión, os educadores puxeron o foco na problemática representada pola elevada produción de residuos nas sociedades modernas, a necesidade de desvinculalos do crecemento económico, e a importancia transcendental de aplicar cada día o principio dos tres erres
Cerceda, a 26 de abril de 2024.- Educadores ao servizo de Sogama impartiron onte, na aula MercaEscola, promovida polo Concello de Carballo (A Coruña) e emprazada no mercado municipal, unha sesión formativa sobre sostibilidade e reciclaxe.
MercaEscola é unha iniciativa local, orientada a persoas adultas, coa que se pretende dar resposta a temáticas de interese tales coma o consumo, a saúde e o medio ambiente. Neste último caso, cobra especial relevancia a xestión sostible dos residuos e, máis concretamente, a correcta separación dos mesmos nas vivendas e posterior depósito nos contedores axeitados para propiciar a súa posterior reciclaxe, dados os seus importantes beneficios (aforro de enerxía e de materias primas virxes).
No transcurso da sesión, púxose o foco na problemática que representa a elevada produción de residuos nas sociedades modernas, a necesidade de desvinculalos do crecemento económico, e a importancia transcendental de aplicar cada día o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), ao constituír estes o cimento sobre o que edificar o correcto tratamento dos residuos. No caso da parte non reciclable, Sogama sométea a valorización enerxética, obtendo a partir da mesma electricidade suficiente coa que abastecer ao 12% dos fogares galegos. Con isto, pon en valor esta fracción e evita o seu depósito en vertedoiro, a peor das opcións debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde pública.
Pequenos xestos tales como levar a bolsa de casa á compra, evitando o consumo masivo de bolsas plásticas dun só uso, adquirir produtos a granel ou co menor envase e embalaxe posible, evitar o desperdicio alimentario e aproveitar as sobras das comidas para a elaboración de novos menús, axudarán a minimizar en gran medida a produción de refugallos.
O encontro serviu tamén para que os asistentes tivesen a oportunidade de compartir as súas observacións, comentarios e experiencias, así como consultar as súas dúbidas.
Saúdos, Departamento de Comunicación