-
No mesmo participaron representantes de 45 familias, moi interesados na técnica pola posibilidade de transformar os residuos en recursos e, ademais, na propia vivenda, cumprindo plenamente o principio de proximidade
Cerceda, a 30 de maio de 2024.- Persoal ao servizo de Sogama desprazouse esta semana ao concello coruñés de Neda para impartir un curso teórico-práctico sobre compostaxe doméstica e que tivo lugar no Pavillón O Roxal. Ao mesmo asistiron representantes de 45 familias ás que se dotará cun composteiro para que poidan autoxestionar os seus residuos orgánicos no propio fogar e convertelos en compost, un abono natural de alta calidade. Con isto, ademais de reducir a produción de lixo en orixe, aforran custos e fomentan a economía circular, cuxa máxima é a transformación de residuos en recursos.
No transcurso da sesión, mostrouse ao público como montar o composteiro e cal é a súa localización idónea: no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
Así mesmo, detalláronse os tipos de refugallos que deben, e non deben, introducirse no recipiente, así como a necesidade de controlar a mestura, de tal forma que haxa un equilibrio entre materia húmida e seca, supervisar parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. Todo isto condicionará o resultado final, sendo o obxectivo obter un abono que cumpra todos os requisitos establecidos pola lexislación vixente e que poida ser aplicado ao solo con garantías e sen restricións.
Os alí presentes tiveron a oportunidade de consultar dúbidas e de deixar constancia dos seus comentarios e observacións. Unha das principais preocupacións foi como evitar a presenza de roedores e mosquitos na contorna do composteiro, e como conservar o compost final se este non se vai a utilizar de forma inmediata.
De forma unánime, consideraron esta práctica, xa tradicional no medio rural, de gran interese, xa que se leva a cabo na propia vivenda, cumprindo plenamente co principio de proximidade, e constitúe unha magnífica forma de reducir a produción de residuos, o primeiro paso a dar na xestión sostible dos mesmos.
Saúdos, Departamento de Comunicación