- Enmarcáronse na celebración, por parte do concello, do Día Mundial da Educación Ambiental, prestando especial atención á xestión sostible dos residuos urbanos.
- No transcurso das charlas impartidas abordáronse os pormenores dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), o negativo impacto do desperdicio alimentario, o lixo mariño, a redución de plásticos dun só uso e os beneficios da compostaxe doméstica.
- Así mesmo, déronse unhas pinceladas sobre a actividade de Sogama, incidindo no proceso de ampliación do seu complexo medioambiental de Cerceda coa posta en marcha dunha nova planta de recuperación de materiais contidos na bolsa negra e a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
- Culminada esta mellora, a empresa verá incrementada a súa capacidade de tratamento nun 81%, multiplicando por catro a súa achega á reciclaxe e reducindo o uso do vertedoiro a mínimos, prevendo chegar en 2020 ao vertido técnico cero.
Cerceda, a 28 de xaneiro de 2019.- No marco do Día Mundial da Educación Ambiental, celebrado o pasado sábado, 26 de xaneiro, o concello de Cervo (Lugo) decidiu dar continuidade a esta efeméride cunha xornada formativa orientada aos escolares da localidade e na que tamén participaron os educadores medioambientais de Sogama, xunto con representantes do goberno local.
Máis dun cento de alumnos e alumnas dos tres centros educativos cos que conta o municipio isto é, CEIP Cervo, CEIP Península da Paz e IES Marqués de Sargadelos, foron instruídos nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos urbanos. Con tal fin, os monitores explicaron o principio europeo xerárquico a aplicar aos mesmos e que debe dar comezo coa prevención e a redución, continuando coa preparación para a reutilización e a reciclaxe, a recuperación material e/ou enerxética da fracción non reciclable, e concluíndo co vertido, a opción menos desexable debido ao seu negativo impacto sobre a contorna e a saúde.
LOITANDO CONTRA O DESPERDICIO ALIMENTARIO
Tamén se profundou nas graves consecuencias que, desde o punto de vista ambiental, económico, social e moral, ten o desperdicio alimentario, toda vez que, no mundo, se refuga un terzo da comida producida para o consumo humano, sendo España o sétimo país da Unión Europea que máis comida desperdicia, e trasladáronse unha serie de pautas para loitar contra este fenómeno: consumir de forma responsable, facer unha lista da compra, adquirir só o necesario, diferenciar entre data de caducidade (momento a partir do cal un produto pode representar un risco para a saúde) e data de consumo responsable (momento a partir do cal un produto pode perder propiedades –cor, cheiro, textura, sabor-, pero sen supoñer unha ameaza para a saúde), facer un oco na cesta da compra para os alimentos feos, coas mesmas propiedades nutritivas que os guapos, revisar a despensa, a neveira e o conxelador, consumindo antes os produtos máis antigos, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para a elaboración de novos menús.
BENEFICIOS DA COMPOSTAXE DOMÉSTICA
E, enlazando con esta temática, abordáronse os pormenores da compostaxe doméstica, proceso de tratamento da materia orgánica en orixe no que o concello de Cervo acumula unha gran experiencia, cun bo número de composteiros funcionando en distintas vivendas unifamiliares que dispoñen de terreo (xardín, horta ou terra de cultivo) no que aplicar o compost resultante.
Neste sentido, incidiuse na importancia de depositar no composteiro os restos alimentarios non comestibles para a súa conversión en abono, evitando que acaben no contedor convencional, á vez que se recordaron os beneficios da autocompostaxe desde distintas perspectivas.
Así, e dado que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se se recicla en orixe, evítase o seu depósito no contedor xenérico, circunstancia que propiciaría unha redución na frecuencia de recollida e o transporte dos residuos por parte dos servizos municipais, minorando as emisións de CO2 á atmosfera. Tamén diminuiría o importe da factura a pagar a Sogama e, de forma paralela, recuperaríase un hábito que forma parte da tradición do rural como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
MÁIS RECICLAXE E MENOS VERTIDO
Os educadores de Sogama falaron tamén do lixo mariño, a redución do uso de envases e envoltorios plásticos e, por suposto, da actividade desta empresa pública, que multiplicará por catro a súa achega á reciclaxe grazas á nova planta de recuperación de materiais contidos na bolsa negra e á remodelación da planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, que se iniciou o presente mes de xaneiro.
Esta mellora, coa que o complexo medioambiental de Cerceda verá incrementada a súa capacidade ata un 81%, propiciará tamén un menor uso do vertedoiro, prevendo chegar en 2020 ao vertido técnico cero (que só se vertan os residuos que non se poden reciclar nin valorar enerxeticamente), sendo este un dos principais expoñentes da economía circular.
Saúdos, Departamento de Comunicación