- A primeira cita foi esta mesma mañá no CEIP San Vicenzo, onde persoal especializado explicou ao alumnado de primaria as pautas a seguir para xestionar os residuos urbanos de forma sostible.
- O vindeiro luns 25, tocaralle a quenda ao CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro da Silva (Cerceda), moi involucrado en proxectos orientados ao coidado da natureza e á economía circular.
- Preténdese tamén que os pequenos actúen como vehículo canalizador das boas prácticas ambientais e leven a cabo unha tarefa de concienciación na súa contorna máis inmediata.
Cerceda, a 22 de outubro de 2021.- Sogama iniciou esta mesma mañá o programa de sesións formativas en centros escolares para o período académico 2021-2022 e fíxoo concretamente no CEIP San Vicenzo de Vimianzo (A Coruña). Alí, persoal especializado en educación ambiental, e máis concretamente na xestión sostible dos residuos urbanos, explicou ao alumnado de primaria a problemática inherente á elevada produción de refugallos nas sociedades modernas, a importancia de previr a súa xeración a través dun consumo responsable, as posibilidades de reutilización de moitos produtos e, por suposto, a necesidade de clasificar o noso lixo por tipos de materiais e introducilos nos contedores correspondentes para darlles unha nova vida.
Apoiados por distintos recursos tales como vídeos, presentacións e xogos, os monitores poñen a proba os coñecementos do alumnado e reforzan aquelas cuestións susceptibles de mellora.
O vindeiro luns, día 25, tocaralle a quenda ao CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro da Silva (Cerceda), moi involucrado en proxectos orientados á sustentabilidade, o coidado da natureza, a redución de residuos e a súa transformación en recursos, de acordo co modelo de desenvolvemento definido pola economía circular. O CPI Plurilingüe Santa Lucía de Moraña, e o CEIP Fonte Escura de Vigo serán os seguintes colexios que visitará Sogama.
Máis aló de que os pequenos interioricen as boas prácticas na correcta xestión dos residuos, tamén se pretende que actúen como vehículo canalizador das mesmas e leven a cabo unha tarefa de concienciación na súa contorna máis inmediata, especialmente no fogar, servindo de prescritores na aplicación diaria do principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe).
Así mesmo, os monitores tomarán boa nota dos comentarios e propostas da comunidade educativa, que sen dúbida servirán de orientación para a mellora das campañas medioambientais no seu conxunto.
Saúdos, Departamento de Comunicación