- A primeira deste segundo trimestre académico levarase a cabo o vindeiro xoves, 9 de xaneiro, no IES Chano Piñeiro de Forcarei (Pontevedra).
- Os educadores de Sogama explicarán á comunidade educativa deste centro como contribuír á correcta xestión dos residuos que producimos cada día a través de xestos que procuren a redución, a reutilización e a reciclaxe.
- Así mesmo, darán resposta a todas as consultas e dúbidas que poidan xurdir ao respecto.
Cerceda, a 7 de xaneiro de 2020.- Arrinca o segundo trimestre do curso académico e Sogama inicia un novo período de sesións formativas en centros escolares de distintos puntos de Galicia. O vindeiro xoves, 9 de xaneiro, tócalle a quenda ao IES Chano Piñeiro de Forcarei (Pontevedra). Ata alí desprazaranse os educadores desta empresa pública para explicar os pormenores da xestión sostible dos residuos urbanos e solventar todas as dúbidas trasladadas polo profesorado e o alumnado.
Abordarase a estratexia europea dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe) e proporcionaranse as pautas para que a cidadanía as poña en práctica cada día. Así mesmo, darase a coñecer a actividade de Sogama respecto das dúas fraccións de residuos que se atopan baixo a súa competencia: bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), que selecciona por tipoloxías na súa planta de clasificación para que os distintos materiais viaxen ata os correspondentes centros recicladores; e bolsa negra (resto), da que extrae, con tecnoloxías de última xeración, a parte reciclable (metais, vidro, plástico, papel/cartón, etc), convertendo o resto nun combustible derivado de residuos (CDR) que valoriza enerxeticamente na súa planta termoeléctrica, xerando a electricidade suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Incidirase igualmente nos beneficios ambientais e sociais da compostaxe da materia orgánica, permitindo que esta se converta nun abono natural, pechando o ciclo de reciclaxe da mesma, toda vez que retorna ao solo en forma de nutriente.
Trataranse tamén outras temáticas que, se ben non están dentro da actividade de Sogama, si é necesario coñecelas para contribuír a unha mellor xestión dos refugallos. É o caso da loita contra o desperdicio alimentario, toda vez que se perde e refuga un terzo dos alimentos que se producen no mundo para o consumo humano; e a contaminación por plásticos, fenómeno que está a comprometer a integridade dos ecosistemas, afectando negativamente á fauna e á propia alimentación humana.
Saúdos, Departamento de Comunicación