- Educadores desta empresa pública impartirán o vindeiro xoves, 30 de maio, unha sesión destinada a escolares de primaria e outra a la propia AMPA.
- O obxectivo é instruír á comunidade educativa na correcta xestión dos residuos urbanos a través do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
- Explicaráselles o cometido de Sogama e abordaranse temática de gran interese tales como o lixo mariño, a contaminación por plásticos e o desperdicio alimentario.
Cerceda, a 27 de maio de 2019.- Educadores de Sogama desprazaranse o vindeiro xoves, 30 de maio, á cidade do Lérez para impartir dúas sesións formativas no colexio San José a través das cales darán conta das boas prácticas ambientais que a cidadanía pode adoptar para xestionar os residuos dunha forma máis sostible.
Durante a mañá tocaralle a quenda aos escolares de 4º curso de Educación Primaria. A través dunha charla reforzada con xogos e vídeos, explicaráselles a problemática que representa a elevada produción de lixo, como facer fronte á mesma a través do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e como se deben separar os refugallos en orixe para propiciar a súa posterior recuperación.
Examinaranse os distintos contedores habilitados nas vías públicas e clarificarase o que debe e non debe depositarse nos mesmos, toda vez que o éxito da reciclaxe dependerá en boa medida da correcta separación dos materiais en orixe.
Falarase tamén do cometido de Sogama, farase un repaso polas súas instalacións, cuxa función é propiciar a reciclaxe de todo o que se poida canalizar por esta vía e valorizar enerxeticamente, é dicir, transformar en enerxía eléctrica, a fracción non reciclable, poñendo en valor un residuo que, doutra forma, estaría condenado a acabar nun vertedoiro, co conseguinte perxuizo ambiental
CONTAMINACIÓN POR PLÁSTICOS E DESPERDICIO ALIMENTARIO
O encontro será aproveitado igualmente para profundar en temáticas de plena actualidade tales como o lixo mariño e a contaminación por plásticos, recordando que o 80% dos plásticos que acaban nos océanos proveñen de terra.
O desperdicio alimentario atópase na axenda da xornada e trasladaranse as pautas para minoralo, tendo en conta que, en Europa, un terzo da comida que se produce acaba refugada, sendo o fogar, cun 42%, o ámbito que máis contribúe a este fenómeno, con negativas consecuencias ambientais, económicos, sociais e morais.
Xestos tan sinxelos como elaborar unha lista da compra, revisar previamente a despensa e a neveira para consumir os produtos máis antigos, diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente (a primeira indica o momento a partir do cal o artigo en cuestión pode representar unha ameaza para a saúde; a segunda, o momento a partir do cal o produto perde cualidades tales como textura, presenza, sabor, pero non representa problema algún para a saúde), axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para novos menús, poden resultar de gran axuda. E, para o residuo alimentario, un magnífico destino é a compostaxe, transformándoo nun abono natural con gran riqueza para o solo.
Xa durante a tarde, serán os pais e nais do alumnado os destinatarios dunha sesión na que se pretende tomar boa nota das súas consideracións, intercambiar coñecementos e experiencias e, por suposto, solventar todas as dúbidas.
Saúdos, Departamento de Comunicación