- A sesión formativa terá lugar o vindeiro xoves, 17 de outubro, en xornada de mañá.
- Os técnicos desta empresa pública explicarán aos mozos e mozas os pormenores do principio europeo dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe) como alicerces da xestión sostible dos residuos urbanos.
- Tamén se falará da importancia de prescindir dos plásticos de usar e tirar, e de optar, na medida do posible, polas compras a granel.
- E para os restos orgánicos non comestibles, unha magnífica opción é a compostaxe, propiciando así a súa conversión nun abono natural de alta calidade con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
Cerceda, a 14 de outubro de 2019.- O alumnado de Hostalería do IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia (Ourense) recibirá o vindeiro xoves, 17 de outubro, en xornada de mañá, a visita de técnicos de Sogama co fin de que poidan coñecer un pouco máis sobre a problemática que representa a elevada produción de residuos e forma de limitar a súa incidencia no medio ambiente.
Explicarase como facer efectivo o principio europeo dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe) insistindo na importancia de realizar un consumo responsable, de minimizar a adquisición de produtos con excesivo envase e embalaxe, dando preferencia ás compras a granel, de alonggar ao máximo a vida dos produtos e de separalos correctamente para propiciar o seu posterior reciclado.
Tendo en conta que a formación diríxese a futuros profesionais do sector da hostalería, profundarase na necesidade de diminuír o desperdicio alimentario a través de sinxelos xestos tales como revisar os artigos dispoñibles e consumilos por orde de antigüidade, adquirir unicamente o que se precise, diferenciar entre data de caducidade (momento a partir do cal un produto pode ser nocivo para a saúde) e data de consumo preferente (momento a partir do cal o produto pode perder cualidades tales coma cor, textura e sabor, pero sen representar unha ameaza para a saúde), axustar as racións ao número de comensais e propiciar que as sobras sexan aproveitadas (ben no fogar, para elaborar novas menús, ben entregándollas á clientela, en caso de ser un establecemento hostaleiro).
Así mesmo, recoméndase facer un oco na cesta da compra para os alimentos “feos” desde o punto de vista estético, toda vez que teñen as mesmas propiedades nutritivas que os “guapos”, e utilizar os restos orgánicos non comestibles para elaborar compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
De feito, recentemente Sogama entregou un composteiro á sección de hostalería do IES Lagoa de Antela para propiciar a valorización da materia orgánica que, na composición media dunha bolsa de lixo tipo, representa en torno a un 42%.
A contaminación por plásticos será outra das temáticas a abordar, aludindo á importancia de optar por envases sostibles e fácilmente reciclables e fuxir dos plásticos de usar e tirar.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación