- As actividades realizadas nos propios concellos, colectivos sociais e centros educativos viñéronse complementando con distintas campañas divulgativas nas que a xestión sostible dos residuos urbanos e a economía circular cobraron protagonismo.
- Figuras claves neste programa pedagóxico son os educadores desta entidade pública, moitos dos cales acumulan unha experiencia profesional de máis de dúas décadas
- O contacto cos centros educativos foi permanente, tanto a través do programa de visitas as súas instalacións como a través de charlas, talleres ou da súa plataforma educativa “Caderno Verde”, onde se abordan as distintas materias obxecto de estudo desde unha perspectiva ambiental.
- O programa de visitas ao Complexo Medioambiental de Cerceda enriquecerase notablemente o próximo ano ao integrar no percorrido guiado a nova planta de recuperación de materiais, concibida en liña coa industria 4.0.
Cerceda, a 27 de decembro de 2019.- Ademais do conxunto de melloras industriais e operativas introducidas por Sogama na súa actividade durante o ano 2019, como é o caso da ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda mediante a incorporación dunha nova planta para a recuperación de materiais contidos no lixo en masa, así como a remodelación da antiga e a promoción do ferrocarril como medio preferente para o transporte de residuos, pasando do 25% en 2016 ao 55% en 2019, a Sociedade tamén intensificou o seu programa de educación ambiental con distintas accións que lle permitiron chegar, de forma directa e presencial, a preto de 10.000 persoas de distintas idades e perfís educativos e profesionais.
As actividades realizadas nos propios concellos, colectivos sociais e centros educativos complementáronse con distintas campañas divulgativas nas que a xestión sostible dos residuos urbanos e a economía circular cobraron protagonismo.
Figuras claves neste programa pedagóxico son os seus educadores, moitos dos cales acumulan unha experiencia profesional de máis de dúas décadas, conseguindo adaptar as mensaxes ao público obxectivo e chegar aos distintos segmentos de poboación, con independencia das súas características.
O consumo responsable, a prevención, a redución, a reutilización e a reciclaxe constitúen os cinco mandamentos que están presentes en todas as sesións formativas. Igualmente, dáse coñecer o labor industrial de Sogama, que se encarga de separar os materiais reciclables contidos no lixo para a súa remisión á industria transformadora, destinando a fracción non reciclable a valorización enerxética. De feito, produce a enerxía eléctrica equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
O contacto cos centros educativos foi permanente, ben a través do programa de visitas as súas instalacións, así como a impartición de charlas ou talleres, ben a través do programa “Recíclate con Sogama” ou da súa plataforma educativa “Caderno Verde”, onde se abordan as distintas materias obxecto de estudo desde unha perspectiva ambiental.
VISITAS EN CLAVE 4.0
O programa de visitas ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda enriquecerase notablemente o próximo ano ao integrar o funcionamento da nova planta de recuperación de materiais, concibida en liña coa industria 4.0.
A través de tecnoloxías de última xeración, os visitantes poderán ver como maquinaria innovadora consegue separar do lixo en masa, e de forma automática, materiais tales como o papel, cartón, vidro, distintos tipos de plásticos, briks, etc, remitíndoos aos centros recicladores.
Pero a robótica non pode suplantar ao cidadán na súa totalidade. Que este deposite cada residuo no contedor correspondente, facilitará notablemente o proceso ao gañar en eficiencia.
O coñecemento e a vontade de cooperación da poboación, combinados coa tecnoloxía ambiental, farán posible que incrementemos a aportación a reciclaxe e logremos os seus beneficios: aforro de enerxía e de materias primas, e protección da contorna. A economía circular imponse.
Saúdos, Departamento de Comunicación