- A elaboración desta Estratexia foi encomendada á AMTEGA a fin de configurar a Galicia 5.0 e aproveitar así as tecnoloxías dixitais para contribuír ao desenvolvemento sostible da nosa comunidade.
- O encontro do grupo de Economía Verde terá lugar o próximo 3 de xullo no Campus Universitario de Vigo e no mesmo intervirán, ademais dun representante de Sogama, outro da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.
- Será unha xornada para expoñer o papel da dixitalización en cada entidade e, sobre todo, para fomentar a reflexión sobre o poder das novas solucións dixitais para, entre outras cousas, poñer en valor os recursos e reducir as emisións de CO2.
Cerceda, a 2 de xullo de 2019.- No marco da Estratexia Dixital de Galicia 2030, cuxa elaboración foi encomendada a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) a fin de configurar a Galicia 5.0 e aproveitar así as tecnoloxías dixitais para contribuír ao desenvolvemento sostible da nosa comunidade na súa vertente económica, social e medioambiental, mañá, 3 de xullo, celebrarase o Grupo 8. Economía Verde, no Campus Universitario de Vigo.
No mesmo intervirá un representante de Sogama, xunto con outro da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pertencentes á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a fin de cada un, na súa área de actuación, expoña a contribución das súas respectivas entidades á protección do medio ambiente a través de solucións dixitais e se promova a reflexión sobre o que xa se fixo e o que queda pendente de facer neste ámbito.
A DIXITALIZACIÓN EN SOGAMA: CONTROL E TRANSPARENCIA
No caso de Sogama, cabería destacar o control exhaustivo da súa actividade a través de programas dixitais específicos que lle permiten coñecer a situación das súas instalacións en cada momento, prever posibles incidencias e actuar coa máxima celeridade. Exemplo disto é a recente adquisición dun novidoso software de xestión ambiental Monitor Prol da empresa EHS Data; unha ferramenta pioneira que lle permite obter en cada momento datos reais do desempeño medioambiental das súas instalacións, xerando informes e gráficos que facilitarán a interpretación da información recabada en cada momento. Ademais de todo isto, o dispositivo optimizará a dinámica de importación de datos procedentes dos diferentes laboratorios que analizan mostras para Sogama, toda vez que se realizará de forma automática, eliminando desta forma posibles erros humanos.
Adicionalmente, leva incorporado un programa de alertas co que se reduce o tempo de reacción ante posibles incidencias e ata conta cun sistema de avisos específicos no caso de que as tarefas a acometer non se executen en prazo .
Pero Monitor Prol, non só se centra na xestión de parámetros ambientais, senón tamén noutros ligados á propia operativa da infraestrutura industrial como é o caso dos consumos de auga, electricidade, combustible, etc, sempre co fin último de mellorar o funcionamento da mesma.
Outro exemplo destacable é a súa nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, concibida en liña coa industria 4.0 e na cal, con tecnoloxías de última xeración, conséguense separar ata 11 tipoloxías de residuos para propiciar o seu posterior reciclado e recuperación, contribuíndo desta forma ao aforro de recursos.
Tamén desde o plano ambiental, non debe esquecerse a súa firme aposta pola mobilidade sostible a través do impulso do ferrocarril como medio preferente para o transporte de residuos en detrimento do camión. Se o tren representaba en 2016 o 25%, en 2019 o 58% dos residuos son transportados por este medio desde distintos puntos de Galicia ata o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, priorizando desta forma un medio que ofrece unha maior sincronización horaria, unha maior sostibilidade, menores molestias cidadás e menor sinistralidade.
En todo caso, será unha xornada para enxalzar o papel da dixitalización en cada entidade e, sobre todo, para fomentar a reflexión sobre o poder das novas solucións dixitais para, entre outras cousas, poñer en valor os recursos e reducir as emisións de CO2.
Saúdos, Departamento de Comunicación