- Orientado aos escolares que participan no programa “Recíclate con Sogama” 2020-2021, inspírase no uso da bicicleta como referencia de mobilidad sostible.
- O velocípedo circula sobre un taboleiro, no que se simula unha carreira ciclista, debendo os participantes facer fronte a diversos desafíos ambientais.
- Así mesmo, este recurso didáctico e lúdico reivindica unha competitividade limpa e honesta na que prima a cooperación entre os concursantes e a solidariedade entre equipos, poñendo de relevo a máxima de que, para convencer, é necesario argumentar.
Cerceda, a 5 de febreiro de 2021.- Sogama lanzou “O Tour dos 3 erres”, un xogo didáctico co que pretende formar aos escolares en valores ambientais, pero sen descoidar os propiamente sociais.
Pensado para o alumnado adscrito ao programa “Recíclate con Sogama” 2020-2021, e máis concretamente oa que cursa os dous últimos ciclos de Primaria (8 a 12 anos) e 1º diso (12 a 14 anos), inspírase no uso da bicicleta como referencia de mobilidade sostible. O velocípedo circula sobre un taboleiro, no que se simula unha carreira ciclista, debendo os participantes facer fronte a diversos desafíos ambientais.
Con esta iniciativa, a empresa pública pretende explicar o seu cometido en Galicia, sensibilizar sobre a importancia que ten xestionar os residuos de forma sostible e lanzar unha mensaxe de optimismo sobre as bondades que trae consigo o traballo en equipo para a mellora da contorna.
Ademais de todo isto, o xogo reivindica unha competitividade limpa e honesta na que prima a cooperación entre os concursantes e a solidariedade entre equipos, poñendo de relevo a máxima de que, para convencer, é necesario argumentar.
DINÁMICA
En torno ao taboleiro organízanse dous equipos, comezando a carreira o que obteña a puntuación máis elevada cun dado. Irá avanzando no itinerario a medida que vaia sorteando con éxito cada un dos retos escondidos nas casillas do xogo. Se ben vencerá o equipo que antes chegue á meta, o certo é que a vitoria non será definitiva ata que o segundo faga o propio. É por isto que os gañadores deberán colaborar activamente co equipo que aínda estea concursando.
Cada casilla está conformada por cinco contidos xenéricos: Sprint (que versa sobre os tres erres e a separación de residuos en orixe); Contrarreloxio (sobre espazos naturais); Meta volante (consello ambiental que inclúe a identificación dun animal ou personaxe que debe interpretar un dos xogadores e adiviñar o resto); GPS (actividade interactiva que debe ser completada nun teléfono móbil ou Tablet, accedendo a través dunha ligazón estable na plataforma educativa www.cadernoverde.gal); Meta da Sostibilidade (información sobre Sogama, operativa, etc).
Este recurso lúdico acompáñase dunha folla de instrucións, un manifesto que deben ler os equipos antes de comezar a carreira, un dado e catro lotes de cartas.
O manifesto deberá ser lido polo capitán ou capitá do equipo antes de empezar a xogar, deixando constancia dos seus compromisos: pedalear con cabeza e corazón de forma conxunta e respectando o espazo e esforzo do equipo rival; saber que o camiño é tan importante como a meta final; que as mellores etapas son as compartidas; e que todos os camiños transforman a quen os percorren, de aí a importancia de aplicar na vida o apreso na competición.
O compromiso cos tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar) constitúe a maior aprendizaxe: xuntos, pedalada a pedalada, por un futuro sostible.
Saúdos, Departamento de Comunicación