- A xestión das mesmas, que dará comezo unha vez conclúa a súa posta en marcha, inclúe a operación, mantemento e limpeza, así como a distribución e comercialización do abono resultante
- O cometido destas instalacións é a elaboración de compost a partir da materia orgánica recollida de forma diferenciada a través dos contedores marróns municipais
- O contrato terá unha duración de 2 anos, contemplando unha prórroga excepcional de 9 meses
Cerceda, a 29 de febreiro de 2024.- Sogama vén de licitar, por importe de 4.247.900 euros (IVE incluido), a xestión integral das plantas de biorresiduos de Cervo (Lugo), Verín (Ourense) e Vilanova de Arousa (Pontevedra), das que é propietaria.
O contrato, con 2 anos de duración e unha prórroga excepcional de 9 meses, inclúe a operación, mantemento e limpeza destas tres instalacións, cuxa función é elaborar compost de calidade a partir da materia orgánica depositada polos cidadáns nos contedores marróns municipais.
O proceso industrial contemplará as fases de pretratamento, fermentación, maduración e afino, conforme aos manuais de operación dos distintos equipos e atendendo ás indicacións dos fabricantes, debendo asumir tamén a firma adxudicataria a distribución e comercialización do abono resultante.
Sogama prevé que a xestión integral destas plantas, cunha capacidade conxunta para 21.000 toneladas de materia orgánica e 7.000 toneladas de estruturante, dea comezo unha vez conclúa a súa posta en marcha, actualmente en mans das compañías adxudicatarias da súa construción. Así, o calendario que se manexa é o próximo 1 de xuño para a Cervo; o 1 de xullo, para a de Verín; e o 2 de novembro, para a de Vilanova de Arousa.
O prazo para a presentación de ofertas expira o próximo 1 de abril, ás 14:00 horas.
Rede conformada por 17 instalaciónsÉ preciso recordar que Sogama, por encargo da Xunta, completou no ano 2023 a rede pública de infraestruturas para a valorización da materia orgánica, estando conformada por estas tres plantas de biorresiduos (Cervo, Verín e Vilanova), ademais da de Cerceda, e 13 plantas de transferencia de apoio ás que se dotou dunha tolva específica para a transvasamento da materia orgánica desde os camións de recollida municipal, sendo esta transportada á planta de biorresiduos máis próxima.
O obxectivo era axudar aos concellos a dar debido cumprimento á lexislación vixente e propiciar que a práctica totalidade dos adheridos a Sogama (295) dispuxesen dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.
Para levar a cabo este labor, a empresa pública realizou un investimento de 45 millóns de euros, dos cales 30 millóns procederon dos Fondos FEDER REACT-EU como resposta da Unión Europea á crise do Covid-19.
Saúdos, Departamento de Comunicación