- Último día de curso e primeiro día de verán, xornada ideal para visitar Sogama e aprender un pouco máis sobre xestión sostible de residuos urbanos.
- 60 escolares de ESO deste centro foron atendidos polos educadores de Sogama, os cales explicaron a actividade de Sogama, deténdose igualmente en informar e formar en diversas temáticas tales como o desperdicio alimentario, a contaminación mariña por plásticos e a compostaxe doméstica.
- Así mesmo, incidiron na importancia crucial de practicar cada día os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) para lograr un planeta saudable, hoxe e no futuro.
Cerceda, a 21 de xuño de 2019.- Hoxe, último día lectivo do curso académico 2018-2019 e primeiro día de verán, o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) recibiu a visita de 60 escolares de ESO do colexio Salesianos San Juan Bosco da cidade da Coruña.
A pesar das inclemencias meteorolóxicas dos últimos días, hoxe o tempo deu unha tregua para que os mozos e mozas puidesen gozar dunha xornada que lles permitiu complementar os seus coñecementos medioambientais en xestión de residuos.
Os educadores de Sogama falaron da actividade desta empresa pública, do proceso de ampliación das súas instalacións, que lle permitirá incrementar de forma exponencial os seus índices de reciclado e chegar o próximo ano ao vertido técnico cero, e recordaron a importancia do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) para actuar cada día con responsabilidade: aplicando a prevención, practicando o consumo responsable, minimizando a cantidade de refugallos xerados, aproveitando ao máximo os produtos e clasificándoos axeitadamente unha vez concluída a súa vida útil a fin de que poidan ser reciclados e transformados en novos artigos de utilidade. Para que isto sexa así, un xesto básico e esencial é depositalos previamente nos contedores correspondentes.
DESPERDICIO ALIMENTARIO E CONTAMINACIÓN POR PLÁSTICOS
Tamén se abordou a problemática que, na actualidade, está representando o desperdicio alimentario, toda vez que se refuga un terzo da comida que se produce para o consumo humano, e proporcionáronse as claves para facer fronte a este fenómeno, cunha clara incidencia no cambio climático, dadas as súas negativas consecuencias ambientais, ademais de económicas, sociais e morais.
Facer unha lista da compra, adquirir só o necesario, revisar previamente a despensa e a neveira, fixarse na data de caducidade (momento a partir do cal un artigo pode representar unha ameaza para a saúde) e na de consumo preferente(momento a partir do cal un produto pode perder cualidades –textura, sabor-cheiro-, pero sen representar risco para a saúde) e aproveitar as sobras para elaborar novos menús, representan pequenos xestos cos que lograr grandes resultados.
A contaminación mariña por plásticos constitúe unha temática recorrente, toda vez que o 80% dos residuos que acaban nos océanos teñen a súa orixe en terra. Botellas, cabichas, bastonciñoos de algodón, palliñas, etc, atópanse entre os refugallos máis frecuentes no mar, incidindo gravemente nos ecosistemas, nos animais, que inxiren os plásticos ao confundilos con alimento, ocasionándolles moitas veces a morte, no turismo, na pesca e na propia alimentación humana, xa que os microplásticos regresan ás nosas mesas a través do peixe que comemos ou do sal coa que aderezamos os pratos. As súas consecuencias para a saúde están aínda por definir.
E para os residuos non alimentarios, unha magnífica opción nas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta ou xardín) é apsrtar pola compostaxe doméstica, convertendo en abono natural a materia orgánica, que regresa ao solo en forma de nutrientes.
Saúdos, Departamento de Comunicación